"E tempo de diálogo, de amor de flower power"

Pontevedra
25 de novembro 2016

A Deputación aproba un orzamento de máis de 152 millóns de euros para o próximo ano. No Pleno a presidenta, Carmela Silva recomendou ao grupo provincial do Partido Popular que "abandonen a súa estratexia de confrontación" e sigan o novo discurso do presidente do Goberno, Mariano Rajoy ou do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, porque "é tempo de diálogo, de amor, de flower power"

O Pleno da Deputación aprobou un manifesto polo día da eliminación da violencia contra a muller
O Pleno da Deputación aprobou un manifesto polo día da eliminación da violencia contra a muller / PontevedraViva

Os catorce votos dos membros do goberno provincial conformado polo Partido Socialista e o BNG permitiron aprobar o orzamento da Deputación de Pontevedra para 2017. Os doce deputados do Partido Popular votaron en contra e o representante de Son Marea abstívose.

Ao salón de plenos do Pazo Provincial acudiu un numeroso grupo de alcaldes do PP para seguir o debate e reclamar unha entrevista coa presidenta.

As contas provinciais para o próximo exercicio superan 152 millóns "sin ningún céntimo de libre disposición" e, segundo defendeu o deputado Carlos López Font, aumentando os fondos para os concellos máis pequenos. En concreto, o goberno provincial tal e como asegurou o vicepresidente e portavoz do Bloque, César Mosquera, destina aos concellos o 85% dos recursos dispoñibles unha vez descontados os gastos correntes "e as débedas que nos deixaron".

As principais críticas dos populares, segundo a súa portavoz Nidia Arévalo, incidiron na "falta de concreción, contido e propostas" dunhas contas que cualifican de "pouco transparentes" nas que "se volven a esquecer dos concellos".

Mosquera retou aos populares a presentar unha alternativa ao orzamento e lembroulles que o propio ex presidente Rafael Louzán mostrouse conforme coas liñas de goberno que están a seguir PSdeG e BNG na Deputación, cando os nacionalistas presentaron o acordo marco de goberno co que o anterior titular da institución estaba disposto a pactar.

López Font sinalou que as contas para 2017 viran ao redor de catro eixos: os concellos, o emprego, a igualdade e a cohesión social.

Pechou o debate a presidenta da Deputación anunciando aos alcaldes que a próxima semana poñerase en contacto "con todos e cada un deles" para fixar reunións nas que levarán "sorpresas moi gratas". Pero advertiu que se entrevistará con eles "un a un" xa que dixo non estar disposta a recibir a "grupos de poder".

Finalmente Carmela Silva recomendou ao grupo provincial do Partido Popular que "abandonen a súa estratexia de confrontación" e sigan o novo discurso do presidente do Goberno, Mariano Rajoy ou do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, porque "é tempo de diálogo, de amor, de flower power".