E por fin... chegou o gran desfile do Entroido

Pontevedra
20 de febreiro 2016
Actualizado: 21 de febreiro

O desfile máis agardado contou con numerosa participación e seguimento polas rúas de Pontevedra. A comparsa Os Solfamidas obtivo o primeiro premio na súa categoría

Desfile do Entroido 2016 (II) / PontevedraViva

O desfile do Entroido chegou a Pontevedra e volveu sorprender ás miles de persoas que seguiron o percorrido polo colorido e a orixinalidade dos disfraces e da ducia de comparsas que participaron nesta edición celebrada quince días máis tarde da data prevista, debido ao mal tempo.

A comparsa Os Solfamidas logrou o primeiro premio na súa categoría, dotado de 2.400 euros. Amoriños de Bora, Os da Caña, As flores do entroido, Os paparrulos e Val do Lérez tamén obtiveron premio como comparsas.

Na modalidade de parellas, o mellor disfrace levouno 'Os esquíos dos piñeiros'. E en parellas-fachas o galardón levoullo 'O furancho'. O mellor disfrace individual conquistouno 'O minotauro' mentres que na categoría de facha, o gañador foi 'Academia'.

'Estrelas da noite' logrou gañar na categoría de grupos na modalidade de disfraces mentres que Os de sempre levaron o premio de fachas co seu espectacular 'Transporte Urbano'. Esta agrupación levou tamén o premio único extraordinario Ravachol 2016. Tras eles, 'Café Bollywood', 'O Rey León', 'O reino de Maléfica' e, por último, 'Escocia, a lenda' tamén obtiveron premio. Os galardóns no apartado de grupos-fachas foron para os pregoeiros desta edición Vamos a todo polo seu desembarco do papagaio Ravachol coma se fose a cabra dos lexionarios. Tamén resultaron premiados Koloutros-banda municipal, Pontevedra co deporte e Os das pistas.

Arquivado en