Tras un inestable inicio de xullo e unha fin de semana tan chuviosa que nos fixo dubidar se estabamos ou non no verán, por fin chega a calor. Aínda que haberá que esperar ata o mércores para notar temperaturas propias da tempada estival, segundo Meteogalicia un anticiclón que chega desde as Azores instalarase desde este luns nas Rías Baixas.
Desta forma, en Pontevedra predominarán as nubes baixas a primeira hora e os ceos despexados pola tarde, con temperaturas aínda baixas para esta época do ano e ventos frouxos do oeste. Iso si, a última hora do día un sistema frontal pouco activo rozará a comunidade e podería provocar algunhas choivas. Alcanzaremos máximas de 21 graos.
Segundo o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, será a partir do próximo mércores 9 de xullo cando as temperaturas que se rexistren na comunidade galega serán "as propias da época estival", con valores superiores aos 20 graos en toda Galicia e chegando a alcanzar os 30 nas zonas do interior.
"Aínda que durante este domingo e este luns xa se irán abrindo claros, as temperaturas seguirán sendo baixas, polo que pensamos que a partir do mércores xa chegará o anticiclón forte con temperaturas propias do verán", apuntaron desde Meteogalicia.
Así, as prediccións para Pontevedra vaticinan que o martes alcanzaremos os 25 graos de máxima, con ceos totalmente despexados. Esta previsión manterase durante toda a semana, aínda que as temperaturas seguirán en ascenso, chegando a rozar os 30 graos de cara á fin de semana.