A resolución que este venres 16 facía pública a Audiencia Nacional sobre a permanencia de Ence na Ría de Pontevedra colapsou os teléfonos dos membros do comité de empresa de Ence.
Á espera da reunión que teñen convocada para este luns 19, o secretario Pablo Bacariza ofrécenos unha primeira resposta co ánimo afectado, "tes que perdoar, non é o meu mellor día", descúlpase.
"Era un dos escenarios que barallábamos, é o peor dos posibles porque anula a concesión. É o que podo dicir a falta dunha análise máis profunda por parte dos nosos avogados, bueno, hai que ver se temos posibilidades de recurso, e en que medida", manifesta o secretario do comité de empresa.
A resolución da Audiencia Nacional deixa nunha situación de incerteza ao persoal da fábrica pasteira con respecto ao mantemento do emprego. Por este motivo, "con esta sentenza desfavorable encima da mesa, pedimos a inmediata reactivación da mesa de traballo para garantía e futuro dos nosos postos, que esa era a liña de actuación do comité, e canto antes", engade Bacariza.
Todas as accións de futuro serán concretadas na reunión do comité de empresa o próximo luns, onde se debaterá a continuidade das actuacións que veñen realizando. É o caso das concentracións periódicas ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Na máis recente, do pasado 8 de xullo, reclamaban que a Audiencia Nacional fixese pública de inmediato a súa decisión. Agora o escenario é outro.