As festas do Nadal son un tempo de celebración e reencontros familiares, pero tamén poden ser unhas datas de profunda tristeza para aqueles que perderon a un ser querido.
Para axudar a levar este difícil período, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) organizou charlas en diferentes sedes e online baixo o título É Nadal e faltas ti.
Conversamos con Carmen García, psicóloga da AECC en Pontevedra, sobre como afrontar estas festividades cando estamos en proceso de dó.
Como afecta o Nadal ás persoas que están a vivir un dó?
O que adoita ocorrer durante estas datas é que hai como una reagudización do dó. Independentemente de en que fase do dó esteamos, as datas do Nadal ou o final de ano supoñen como un repaso de todo o percorrido que fixemos ao longo do ano. E o Nadal supón que, na fase do dó que esteas, as emocións as percibas de forma máis intensa.
Por exemplo, unha persoa que está xa nunha fase un pouquiño máis avanzada do seu dó, que xa pode lembrar ao seu ser querido sen un estado grande de tristeza, nun Nadal pode estar máis nostálxico ou ter un momento de recordatorio onde se entristeza. Pero se estamos a falar dunha persoa que ten unha perda dun ser querido recente, ao redor de tres meses, seis, un ano, teriamos todo o proceso normal do dó e as emocións moito máis intensificadas.
E como pode levar unha persoa o seu primeiro Nadal sen o seu ser querido da mellor maneira posible?
O ideal é non poñernos mentalmente un camiño estrito a seguir. É dicir, non hai unha única maneira de pasar o Nadal dunha forma axeitada. Porque vai depender moito de como eran as nosas celebracións previas e de que é o que eu desexo facer neste Nadal.
A partir de aí, o máis importante é que, tome a decisión que tome a familia para afrontar ese primeiro Nadal, o faga de forma consensuada, é dicir, o falen desde como se senten neste momento faltando a persoa querida da familia e, a partir de aí, como é o primeiro Nadal, tomar unha decisión que lles faga sentir máis ou menos cómodos para enfrontar este Nadal, e o Nadal que vén xa se verá.
Cales son os erros máis comúns que comete a familia ou as persoas que acompañan a quen está máis afectado polo dó?
Ás veces damos mensaxes que non axudan como: "a esta persoa (a que faleceu) non lle gustaría verte así" ou "tes que animarte", que pon á persoa que ten a perda de forma directa nunha posición de culpable, cando ten que pasar o dó e esa dor por unha perda.
Entón sabe que nalgún momento ese dó irá evolucionando e non se sentirá así, pero non está así agora porque queira, senón porque, por desgraza, ten que facer unha despedida neste momento.
Entón, máis que mensaxes que xeren xuízo, o ideal é arroupar a esa persoa, acompañala, comprendendo que é un momento de dor e xerando certa rede de apoio. E se eu como familiar non son capaz de darlle esas mensaxes que poidan arrouparlle, ter máis persoas ao seu redor que o poidan facer.
Pode funcionar preguntar directamente á persoa: Que necesitas ou En que podo axudarche?
Si, por suposto. De feito é o máis axeitado. Moitas veces como familiares non tan próximos ou como amigos non sabemos como axudar a unha persoa que está a pasar o dó. Non pasa nada, simplemente ofrecémonos.
Non sei como podo axudarche, gustaríame poder facelo, dime ti en que podo facerche este Nadal máis fácil. Ou sei que o Nadal vai ser complicado para ti, como non son capaz de que se me ocorra algo en concreto, dime ti, eu estou dispoñible para escoitar, para axudar, para o que necesites.
Esa é a posición ideal dunha persoa que non coñece ben que é o que necesita a persoa que está a pasar polo dó, pero quere estar cerca.
E á persoa que está a pasar o dó, que consellos se lle podería dar cando sente esa presión de vivir o espírito do Nadal?
Unha das pautas que demos na sesión de grupo foi, primeiro, ver como se atopan ante esa presión. Facer un pouco de autoevaluación de que lles está facendo sentir esa presión familiar para celebrar ou para non celebrar, porque ás veces temos presións en ambos os sentidos. Unha vez que saben como se senten, pensar en que lles gustaría facer.
Séntense preparados para celebrar ou non? Se queren celebrar, que queren manter desas tradicións ou que cousas queren cambiar? A partir de aí, o ideal é falalo co resto da familia, planificar, ter en conta as opinións de todos e ter en conta tamén como se van a sentir se celebran ou non celebran sen estar un ser querido sentado á mesa, por exemplo.
E non só esa conversación ten que ser entre os adultos da familia, senón que tamén teñen que integrar aos nenos.
Como poden axudar os adultos aos nenos a entender e a manexar mellor a súa tristeza durante estas festas?
Fíxate, os nenos á hora de procesar unha perda teñen unha maneira de comunicala distinta. Ás veces maniféstase a tristeza por cambios conductuais: están máis revoltosos, máis inquedos, máis demandantes, piden máis apertas ou teñen unha regresión no desenvolvemento normal do neno.
Porque un adulto que está a pasar por un dó, aínda que ti non o comuniques de forma directa, comunícalo de forma indirecta. Entón, ese neno que non sabe que é o que está a pasar ao seu redor, necesita comprender que ocorre, e por que a súa nai, o seu pai ou calquera outro familiar se atopa nun estado anímico diferente ao normal.
Dependendo da idade que teña o neno, hai que facelo partícipe do que están a vivir eses adultos. Sobre todo para que o neno non empece a elaborar as súas propias respostas, porque pode chegar a pensar que esa persoa se atopa así pola súa culpa.
Entón, por unha banda, saber que van ter esa posible regresión, sobre todo se o dó é un dó dunha figura de apego, e por outro, poder comunicarlle que está a ocorrer dentro da familia: Estamos tristes porque faleceu o avó e temos menos ganas de facer unha celebración moi grande, que che gustaría facer por Nadal? queres facer algo de recordo para o avó?.
De feito, as mellores ideas que se contan nos grupos que facemos en torno ao dó de Nadal, son de nenos da familia.
Poderías contarnos algunha destas ideas dos nenos?
Por exemplo, unha familia que decidiu facer sempre unha postal ao seu pai, o neno fíxoo desexándolle un Bo Nadal e falando sobre anécdotas que compartían. E cada ano empezou como unha especie de homenaxe ao recordo do seu pai e quedou a partir de aí como unha tradición.
E noutra familia, os nenos fixeron bólas de Nadal personalizadas coas persoas que estaban na familia e coas persoas que xa non estaban na familia. Isto era unha maneira de integrar a aquelas persoas que xa faltaban e falar delas: esta é a avoa (bóla co nome da avoa), que era a mamá do teu pai e a ela gustáballe facer unha comida grande na aldea...
Se cadra esa avoa falecera hai dez anos e é unha boa oportunidade para facer repaso da árbore familiar, de que os nenos tomen conciencia de que as persoas que xa non están permanecen no noso recordo. Que ademais aprendan o agarimo familiar, que vai pasando de xeración a xeración, e tamén, por último, que comprendan o ciclo vital, que imos nacendo, crecemos e que falecemos, ás veces por unha enfermidade como a do cancro.
Aquí, desde a sede en Pontevedra da AECC, que recursos se ofrecen a persoas que están a enfrontar un dó?
Para as persoas que están en dó por un familiar que pasou un proceso oncolóxico temos o servizo de apoio psicolóxico a nivel familiar e a nivel individual e, ademais, adoitamos organizar ao ano polo menos un grupo ou dous de dó que se realiza nunhas doce semanas.
Entón, sería importante facer a preparación para afrontar estas datas cun pouquiño de antelación?
Si. Nós precisamente con esa idea realizamos os talleres grupais de orientación psicolóxica ao redor de finais de novembro, para que aínda a familia estea en plena organización do que van facer este ano en Nadal. Precisamente para axudarlles á toma de decisións e que poidan saír da sesión reconfortados.
Na Asociación, como temos os servizos para o paciente, moitas veces os familiares tamén son usuarios da atención psicolóxica ou a orientación social, ou acompañan ao seu familiar a fisioterapia, logopedia, a calquera dos servizos que temos gratuítos, entón xa teñen ese vínculo feito connosco. Cando o seu familiar, se é que finalmente non supera a enfermidade, falece, con esa psicóloga de referencia empezan o proceso de dó, ou xa o empezaron antes, cunha preparación previa de despedida.
Queres lanzar unha mensaxe final ás persoas ou familias que están a vivir un proceso oncolóxico nestes momentos?
Desde a Asociación Contra o Cancro unha das cousas que sempre recomendamos é que se coñecemos a alguén que está a pasar por un proceso oncolóxico ou que está a se facer probas, e está a pasar por esa incerteza, que nos chame á Asociación.
Temos un teléfono gratuíto as 24 horas, festivos incluídos, ao servizo dos enfermos de cancro e dos seus familiares. Moita xente vai estar no hospital nestas datas, e ás veces é de madrugada cando necesitas poder falar con alguén que che escoite e che entenda, por iso é importante que saiban que funciona as 24 horas, todos os días do ano. O teléfono é: 900 100 036.
Pódense achegar tamén ás nosas sedes, tanto de Vigo como de Pontevedra, onde estamos os profesionais traballando de luns a venres. Recomendamos, sobre todo, que se acheguen para informarse, para recibir esa primeira orientación, porque se cadra non sentimos necesario o servizo de forma inmediata, pero unha enfermidade oncolóxica non é unha enfermidade dun só día, leva tempo.
Entón, nese proceso longo, se cadra temos máis adiante algún tipo de necesidade, pero non atopamos o día para achegarnos á Asociación. E se xa tivemos esa primeira acollida, dar o paso, é moito máis fácil.