A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, expuxo este mércores en Comisión Informativa do Concello de Marín a situación actual na que se atopa o expediente de tramitación do Lago Castiñeiras como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), unha figura de protección que debe aprobar a Xunta de Galicia para lugares cun alto interés paisaxístico.
Esta tramitación arrancou no ano 2019, cando se aprobou en Pleno a proposta de conseguir esta figura para o Lago.
No transcurso deste tempo, o Concello acadou tamén un Plan de Sostibilidade Turística, no que se incluíu unha actuación na contorna do Lago que suporá a mellora da accesibilidade, a posta en valor da zona próxima ao lago; a creación de espazos de desfrute, a ampliación de sendas existentes, a creación dun aparcadoiro de 2.000 metros cadrados, así como a habilitación dunha zona de gradas e miradoiro e a plantación de especies arbóreas típicas da zona.
Para este proxecto, foi preciso pedir autorización ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural, dependente da Consellería de Medio Ambiente.
Despois dun trámite tedioso e múltiples requerimentos, no mes de noviembre este Servizo Provincial remitiu ao Concello un informe favorable para a declaración do ENIL, pero no que se recollían unha serie de restricións, relacionadas sobre todo coa redución e eliminación de especies invasoras e a limitación de uso de determinada maquinaria para labores de roza.
Nas limitacións, tamén se inclúe a incompatibilidade de ir con cans ceibes e prohíbense determinadas actividades de ocio e deportivas, como o paso de bicicletas de montaña, emprego de drons e artefactos voadores, carreiras e competicións deportivas de diferente índole.
Ademais, esixe ao Concello elaborar un Plan de Conservación, para o que se terá un prazo de dous anos.
Tal e como explicou a concelleira, desde o Concello enviaron este informe ás dúas comunidades de montes, por ser as propietarias do terreo.
A Comunidade de montes de San Xulián comunicou ao Concello que os condicionantes que aparecen no informe afectan a unha serie de actividades que desenvolven a día de hoxe no Lago e que non se realizaban no 2019, cando se iniciou todo este expediente.
De forma concreta, os comuneiros alegan que daquela aínda non firmaran o convenio coa Fundación Juan XXIII, polo que se cederon unhas instalacións da súa propiedade para a realización dunha Formación Dual para promover a inclusión sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidade psicosocial, e a explotación dun invernadoiro para compra-venda de produtos hortofrutícolas.
Ademais, explican que desde hai anos lévanse a cabo varias competicións deportivas, como o Campionato Xunta de Galicia de orientación en bicicleta de montaña, a Epic Race Pontevedra de bicicleta de Montaña, a Pontevedra 4 picos bike, o Costa Atlántica MTB Tour, a Ruta campo a través Depo Orienta da Deputación de Pontevedra ou a Andaina solidaria do Rotary Club de Pontevedra, así como diversas carreiras de orientación.
Finalmente, indican que a nivel turístico existen atractivos cara ao visitante, como rutas BTT ou rutas de sendeirismo, así como varios aloxamentos turísticos que se verían tamén limitados ou incluso prohibidos tendo en conta os condicionantes impostos nunha futura declaración do ENIL.
Ante esta situación, desde a Xunta Directiva da Comunidade de Montes de San Xulián pediron ao Concello de Marín que, antes de continuar co expediente de declaración do ENIL e encargar o Plan de Conservación do Lago Castiñeiras, faga unha consulta ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural ou ao organismo que corresponda e lles concreten as limitacións ás que estarían condicionados os comuneiros de declararse o ENIL.
Esta petición foi presentada por Rexistro na Xunta este mércores.
Sanmartín tamén indica que na consulta se especifica que se a figura do ENIL é tan restrictiva, piden que se estuden outras alternativas para poder garantir a protección medio ambiental do Lago Castiñeiras, pero que tamén compatibilicen determinados usos turísticos e deportivos cos que seguir potenciando e dinamizando este espazo.