Pontevedra xa ten data para recoller en Dubai o premio ONU-Hábitat, outorgado á cidade o pasado mes de novembro polas súas boas prácticas en materia de mobilidade e accesibilidade. Segundo anunciou este xoves o goberno municipal, a cerimonia de entrega do premio, un prestixioso galardón internacional auspiciado por Nacións Unidas, está fixada para o próximo martes 24 de febreiro.
Invitados pola organización viaxarán o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle. Este último será o que, o día previo -luns 23 de febreiro- participe na exposición dos proxectos gañadores, onde Pontevedra tamén terá que explicar os seus plans de futuro no ámbito que recoñece este galardón, o modelo de cidade.
A eles acompañaralles unha pequena comitiva aínda sen determinar, aínda que si transcendeu que se cursarán convites aos voceiros dos grupos políticos da corporación municipal e a outras tres administracións, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Ministerio de Fomento -este último elixiu a candidatura da cidade para representar ao país nestes premios-.
O premio está dotado con 30.000 dólares, un diñeiro que o Concello de Pontevedra ten previsto destinar na súa maior parte á RedeAxuda.
A pesar diso, César Mosquera adiantou que se reservará unha pequena partida para celebrar o premio cos cidadáns, cun acto público no que terán un protagonismo especial os colectivos que avalaron a candidatura pontevedresa a estes galardóns: Deputación de Pontevedra, Zona Monumental, Stop Accidentes, a ONCE, Cogami, Aempe ou a Federación de Veciños Castelao.
MOTIVOS DO PREMIO
Pontevedra baseou o seu proxecto, segundo a memoria presentada, no traballo realizado para recuperar os espazos públicos para a cidadanía, fomentar a autonomía persoal, eliminar os riscos derivados do tráfico, reducir a contaminación aérea, acústica e da auga, recuperar áreas urbanas degradadas, fomentar a mobilidade non contaminante e saudable e mellorar a conexión entre a cidade, a Ría de Pontevedra e os seus ríos.
Entre as datas que se destacan nesta candidatura cítanse expresamente 1999, como o ano que se apostou pola peatonalización do centro histórico; o saneamento integral do ecosistema río/ría en 2005, a creación de diferentes sendas ciclistas e peonís en 2008, a aplicación da velocidade limitada a 30 quilómetros por hora en toda a cidade en 2010 e o premio Intermodes recibido en 2013.