Dúas vítimas máis na área sanitaria por covid-19, dous homes de 74 e 86 anos en Montecelo e O Salnés

Pontevedra
02 de febreiro 2021

As vítimas na área sanitaria son dous homes que falecían este luns: un, de 74 anos, no Hospital Montecelo, mentres que o outro perdía a vida con 86 anos no Hospital do Salnés. Ambos os dous tiñan patoloxías previas. As mortes pola pandemia en Galicia son xa 1.843, das que 117 correspóndense coa área de Pontevedra e O Salnés

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

117 persoas morreron como consecuencia da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés desde que se rexistran as mortes pola enfermidade do coronavirus. 

Este luns falecían dúas persoas máis nos hospitais desta zona sanitaria, segundo confirmaba este martes a Consellería de  Sanidade.

Trátase dun home de 74 anos que perdía a vida no Hospital Montecelo e outro que morría no Hospital do Salnés aos 89 anos. Ambos tiñan outras enfermidades nos seus historiais médicos.

GALICIA

A Consellería de  Sanidade notificaba este martes, tras a confirmación por parte de Saúde Pública de que as mortes eran consecuencia da covid-19, 28 falecementos, incluídos os da área de Pontevedra e O Salnés.

Desta forma, trasladaba a morte dun home de 100 anos, que perdía a vida na residencia Paz e Ben de Tui, o 22 de xaneiro. E a morte dun home de 85 anos, falecido o 28 de xaneiro na residencia Nosa Señora do Carmen de Sarria.

Este luns 1 de febreiro, ás nove vítimas comunicadas hai 24 horas, hai que sumar 18 persoas máis, entre as que se atopan os falecidos no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

O Sergas indica que tamén faleceron esa primeira xornada de febreiro un home de 83 anos, no Hospital Lucus Augusti de Lugo; unha muller de 85 anos, procedente da residencia DomusVi de Bande e dous homes, de 75 e de 90 anos, no Complexo Hospitalario de Ourense; cinco homes, de 81, 78, 83, 75 e 82 anos, ademais dunha muller de 64 anos no Complexo Hospitalario da Coruña; un home de 89 no Complexo Hospitalario de Ferrol; unha muller de 91 anos, no Hospital de Verín; un home de 92 na Clínica Santa Teresa de Ourense; unha muller de 88 no Complexo Hospitalario de Santiago; unha muller de 87, no  CEGADI, procedente da residencia DomusVi de Ribeira e unha muller de 85 anos, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Durante este martes 2 de febreiro, ata o momento, notificáronse oito mortes de persoas diagnosticadas por coronavirus: un home de 85 anos, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; unha muller de 87 anos e outra de 78 na residencia DomusVI de Carballo; unha muller de 84 e un home de 79 no Complexo Hospitalario de Santiago; un home de 81 anos, no Complexo Hospitalario de Ferrol; outro home de 88 no Hospital de Verín,  procendente da residencia Santa María de Verín; e unha muller de 75 anos, no Complexo Hospitalario da Coruña, procedente da residencia Pai Menni de Betanzos.

Todas as persoas falecidas que figuran nesta lista de decesos ofrecían cadros clínicos con patoloxías previas a contraer a infección do virus.

Galicia sitúase na cifra de 1.843 mortes debido ao coronavirus, desde que se recollen os datos de falecementos provocados por esta enfermidade.