Dúas universitarias pontevedresas finalistas do concurso 'EstudiantesConTalento'

Pontevedra
26 de xaneiro 2017

Carolina Buján e Catarina Barcala, alumnas da facultade de Publicidade, competiron con máis dun millar de universitarios de toda España. Defenderán os seus proxectos para Yoigo e Coca-Cola a principios de febreiro xunto cos outros 15 finalistas

Catarina Barcala e Carolina Buján
Catarina Barcala e Carolina Buján / Universidade de Vigo

Carolina Buján e Catarina Barcala, alumnas da facultade de Publicidade, son finalistas do concurso 'EstudiantesConTalento' unha iniciativa que pretende axudar aos universitarios apaixonados polo marketing, a publicidade, a comunicación e o patrocinio a incorporarse ao mundo laboral.

Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, á terceira edición de 'EstudiantesConTalento' concorreron máis dun millar de universitarios de toda España e agor veñen de seleccionar aos seus 17 finalistas que deberán defender os seus traballos a principios de febreiro en Madrid.

Catarina Barcala é unha veterana nestas lides, xa que participa por segunda vez neste certame no que cada concursante recibe de forma aleatoria o briefing dunha das empresas participantes, nesta ocasión Coca-Cola, Yoigo, Santander e Pernod Ricard España. Nesta ocasión tocaralle defender un traballo enfocado para "facer os eventos nos que participa Coca-Cola máis sostibles", algo para o que "intentei seguir a liña creativa da marca e ofrecer algo rechamante, rompedor. A ver que lles parece".

No caso de Carolina Buján, estudante de segundo de Publicidade no campus pontevedrés foi elixida por Yoigo para presentar unha proposta sobre o patrocinio da empresa. "Aínda que non resultes gañador, superar esta fase e chegar a ser un dos catro finalistas supón gañar as prácticas na empresa que te seleccionou, que é realmente o premio que a min me interesa", salienta. Iso e "ver realmente como é traballar cun briefing real, non soamente con proxectos de clase" é o que a animou a presentarse ao concurso.

Compañeiras de facultade, Catarina e Carolina estiveron en comunicación constante durante o proceso creativo do proxecto. "Falamos moito durante este tempo. Comentabamos as ideas que tiñamos para cada un dos nosos proxectos para saber que lle parecía á outra,e iso axudoume moito, a verdade", recoñece Buján, para quen era algo importante ter outro punto de vista xa que "os profesores ensinan a seguir un plan e desenvolver un proxecto, pero a creatividade a tes que poñer ti".