Dúas persoas resultan feridas en dous accidentes de tráfico no Salnés

O Salnés
22 de agosto 2017

Tamén se rexistrou en Vilaboa, durante a mañá deste martes 22, un accidente dun tractor que envorcaba deixando a unha persoa ferida

Accidente en Corbillón, Cambados
Accidente en Corbillón, Cambados / Servizo de Emerxencias

Unha muller resultaba ferida na tarde deste martes ao sufrir un accidente de tráfico en O Río, en Corbillón, no municipio de Cambados.

Segundo informan os servizos de emerxencias, trátase dunha veciña deste concello que tivo que ser trasladada ao Hospital do Salnés a través dunha ambulancia do 061 con dor cervical. Tamén tivo que ser atendida por atoparse moi nerviosa.

Tamén esta mesma tarde, unha colisión rexistrada en Vilanova de Arousa, na que se viron implicados tres vehículos, deixaba a unha persoa ferida. Segundo informa o servizo de emerxencias do 112 Galicia, a persoa ferida non reviste danos de gravidade.

O accidente rexistrábase na estrada que conecta Cambados coa Illa de Arousa, á altura dun concesionario de vehículos. Un particular daba a alarma pasadas as 17.00 horas.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás emerxencias do 112 puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros do Salnés, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.

ENVORCA UN TRACTOR EN VILABOA

Tamén se producía este martes, ao redor das 13.00 horas, un accidente dun tractor en Vilaboa, que deixaba a unha persoa ferida. O vehículo envorcaba e a vítima quedaba debaixo da máquina e foi liberada grazas aos efectivos sanitarios que se achegaron ata o lugar de Pazos, na parrroquia de San Adrián de Cobres.

A continuación era evacuada ao Hospital Montecelo con traumatismo na cabeza e diversas lesións, segundo os datos facilitados ao 112. Alertábase aos Bombeiros do Morrazo e aos de Pontevedra, que finalmente non tiveron que intervir.