Dúas persoas identificadas por furtar perfumes nunha droguería pontevedresa

Pontevedra
19 de outubro 2023

Os dous individuos entraban a última hora da tarde deste mércores 18 no establecemento en situación moi alterada e comezaron a levarse perfumes da tenda. Ante a chegada de axentes da policía, un dos homes foi identificado e outro foi trasladado á Comisaría da Policía Nacional notablemente nervioso

Axentes policiais na droguería Muchas despois de producirse o altercado
Axentes policiais na droguería Muchas despois de producirse o altercado / Mónica Patxot

Dúas persoas visiblemente alteradas entraron a última hora da tarde deste mércores 18 na droguería perfumería Muchas, situada na rúa Loureiro Crespo.

Unha vez dentro comezaron a furtar perfumes e outros cosméticos, segundo relataban a PontevedraViva testemuñas presenciais.

Minutos máis tarde chegaban patrullas da Policía Nacional e da Policía Local ao céntrico establecemento. Nese momento, cando os axentes tentaba identificalos, un dos individuos comezou a chorar, a berrar e mesmo a desprazarse polo chan.

O alboroto provocou que numerosas persoas que circulaban pola rúa achegásense ata o escaparate do establecemento alertadas polos berros e os saloucos. Portaba unha mochila cargada de latas de cervexa, segundo distintas fontes, e pedía aos policías que lle deran unha aperta.

Finalmente, axentes da Policía Nacional trasladaban o home a comisaría, mentres que o outro mozo era unicamente identificado.