Dúas persoas feridas, unha delas menor de idade, en senllos accidentes de tráfico en Cambados

O Salnés
28 de xuño 2020

Un rexistrábase en Vilariño e un mozo de 17 anos que conducía unha motocicleta tivo que ser evacuado ao Hospital do Salnés. O outro accidente producíase en Oubiña co resultado dunha persoa de 69 anos ferida, que tamén foi trasladada ao Hospital do Salnés

Accidente en Oubiña, Cambados
Accidente en Oubiña, Cambados

Dous accidentes producíanse durante a tarde do sábado no municipio de Cambados co resultado de dúas persoas feridas que tiveron que ser trasladadas ao Hospital do Salnés para unha exploración dos danos sufridos.

O primeiro dos accidentes rexistrábase na PO-300, na parroquia de Oubiña. Un home de 69 anos resultaba ferido, segundo informa o Servizo de Emerxencias do  Concello de Cambados e foi evacuado ao Hospital do Salnés. Na intervención participaron, ademais de Emerxencias de Cambados, unha ambulancia do 061, a Policía Local e axentes da Garda Civil de Tráfico.

A últimas horas da tarde, un mozo que viaxaba nunha motocicleta era golpeado por un vehículo na estrada PO-300, na parroquia de Vilariño. O mozo, un menor de 17 anos, foi trasladado ao Hospital do Salnés.

Ata o lugar desprazouse unha ambulancia do 061, ademais doutra ambulancia medicalizada, o servizo de Emerxencias, axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico e Atestados.