Dúas mortes máis con covid-19 na área sanitaria de Pontevedra: dous homes de 91 e 86 anos

Pontevedra
28 de marzo 2022

Os casos activos por covid-19 van á baixa. Hai este luns 2.447 persoas infectadas. Son 40 menos das que había o sábado, o último día no que as autoridades sanitarias comunicaron os datos de incidencia. Os novos contaxios, pola súa banda, foron 149. Os ingresados nos tres hospitais de Pontevedra e Vilagarcía, pola súa banda, son 51, seis máis 

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

Dúas mortes máis de pacientes con covid-19, un home de 91 anos e outro de 86 anos, súmanse ao balance máis tráxico da pandemia na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Ambos, que faleceron o pasado venres 25 de marzo, tiñan patoloxías previas, segundo confirmaron desde o Servizo Galego de Saúde.

Con estas dúas mortes, elévanse a 266 as vítimas mortais na área sanitaria desde que, en marzo de 2020, comezara a pandemia do coronavirus.

A boa noticia, con todo, é que os casos activos por covid-19 van á baixa. Hai este luns 2.447 persoas infectadas. Son 40 menos das que había o sábado, o último día no que as autoridades sanitarias comunicaron os datos de incidencia. Os novos contaxios, pola súa banda, foron 149.

Os ingresados nos tres hospitais de Pontevedra e Vilagarcía, pola súa banda, son 51, seis máis dos que estaban hospitalizados no último balance realizado polo Servizo Galego de Saúde. Deles, dous atópanse na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.

A maiores, atendidos en planta hai outras 49 persoas. Hai 39 en Montecelo e dez no Hospital do Salnés. Non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

O resto dos que contraeron o virus, outras 2.396 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.

Desde o inicio da pandemia 60.146 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 389 desde o último balance, e rexistráronse 266 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 407.430, 417 nas últimas horas. A elas súmanse as 243.662 probas de antíxenos e outras 128.577 probas de detección da covid-19.

INCIDENCIA EN GALICIA

O número de casos de coronavirus en Galicia, pola súa banda, é de 21.839, 1.845 menos. Deles, 4.568 son da área da Coruña, 2.588 da de Lugo, 2.217 da de Ourense, 2.447 da de Pontevedra, 4.168 da de Vigo, 3.617 da de Santiago e 2.147 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 25 están en UCI, 438 en unidades de hospitalización e 21.376 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 521.525 persoas curadas, rexistrándose 3.200 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 3.775.345 probas PCR, 3.498 nas últimas 48 horas. Os novos casos abertos desde o último balance, que inclúen os autodiagnósticos con antíxenos, foron 1.045.