"La familia no se escoge", reza, desde a tarde deste sábado, un perfil na rede social tumblr. É o título que decidiu dar ao seu último post un cuñado de José Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como 'Coco', unha publicación coa que senten identificados tamén os amigos deste veciño de Soutomaior e que, en resumo, acaba reprochando duramente os seus actos. Non transcendeu se o resto da familia está de acordo co seu contido, pero resulta simbólico que se refira a el co pouco agradable apelativo de "asesino mal nacido" que "decidió ser el ombligo del mundo".
O seu cuñado fora detido tan só unhas horas antes pola Garda Civil como presunto autor da morte da súa ex noiva, Conchi Reguera Peón e, cando o post publicouse, os investigadores da Policía Nacional aínda estaban a terminar o informe antes da súa posta a disposición xudicial, prevista para a mañá deste domingo. Aínda non transcenderan detalles do que ocorreu na madrugada do venres ao sábado no cruzamento de Ponte Sampaio a Acevedo, pero a familia xa sabía o resultado: un crime machista.
Os feitos que se atribúen a José Antonio Lusquiños esnaquizaron a esta familia de Soutomaior, aos seus pais -cos que vivía na casa da Pedreira onde foi detido tentando escapar-, ás súas tres irmás, aos seus sobriños e a todos os seus achegados. A súa relación xa non era boa con toda a familia e deixara moi mal sabor de boca a dúas parellas previas, coas que tivo dous fillos, pero nada lles facía presaxiar este tráxico desenlace *(nota ao pé). Agora, o seu cuñado asegura que "la familia de un asesino, hoy también estrena luto". E é dobre: "Uno por Conchi. Otro por un despreciable asesino".
A familia está consternada, pero nin de lonxe tan afectada como outra familia de Ponte Sampaio, a da vítima. Os seus pais e os seus tres irmáns decidiron gardar silencio na xornada deste sábado, tamén os seus cuñados e sobriños e o nivel de "shock" foi tal que un grupo de psicólogos tivo que acompañarlles durante todo o día. Foi tal que decidiron tomar unha decisión difícil nunha familia tan coñecida e querida: non abrir ao público o velorio de Conchi.
Fontes próximas á familia explicaron que a decisión tomouse porque non se cren con forzas de afrontar o duro momento, de modo que, en canto o xuíz lles autorice, enterrarana sen velala. Mesmo se baralla a posibilidade de que queiran incinerala, aínda que estaría pendente de que o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra o permita, ao ser un cadáver investigado por un crime.
* Por erro, este xornal publicou que o detido ten tres irmás cando ten, segundo a súa familia, catro; e que ten dous fillos, cando ten unha soa, segundo a mesma fonte. Lamentamos as molestias ocasionadas.