Dúas conferencias internacionais xuntarán na Boa Vila á elite mundial do ecoloxismo

Pontevedra
28 de febreiro 2024

A 10ª Conferencia Internacional sobre Decrecemento e a 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) celebraranse na cidade de Pontevedra do 18 ao 21 de xuño

Anabel Gulías, Miguel Anxo Fernández Lores, Mario Pansera e Javier Lloveras
Anabel Gulías, Miguel Anxo Fernández Lores, Mario Pansera e Javier Lloveras

A 10ª Conferencia Internacional sobre Decrecemento e a 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) celebraranse na cidade de Pontevedra do 18 ao 21 de xuño de 2024. 

Esta conferencia conxunta forma parte do programa “Pontevedra ESEE- Degrowth 2024”, que situará á Boa Vila como capital europea do decrecemento en 2024. O decrecemento, tamén coñecido como decrecentismo, é un termo utilizado tanto para un movemento político, económico e social como para un conxunto de teorías que critican o paradigma do crecemento económico.​ O decrecemento sostible é a transición a unha economía máis pequena con menos produción e consumo, compatible coa preservación dos recursos naturais. 

Así, os defensores do decrecemento propoñen un cambio no paradigma que mide o éxito e o progreso económico mediante indicadores como o PIB (produción total de bens e servizos dunha economía), para ter en conta outros factores, como a calidade de vida, ou os índices de igualdade social.

Mario Pansera, director do grupo Post-growth Innovation Lab da Universidade de Vigo e o investigador Javier Lloveras presentaron este mércores no Concello de Pontevedra estas dúas importantes conferencias nas que se prevé unha asistencia dunhas mil persoas, "a elite do ecoloxismo e da economía ecolóxica" a nivel mundial.

Nesta presentación participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías. "Efectivamente, o decrecimiento asusta un pouco, pero facer unha transición ecolóxica e recoñecer que o crecemento non pode ser infinito e que temos que adaptarnos e que podemos ter unha altísima calidad de vida sen agotar todos os recursos do planeta nin moito menos, é absolutamente razonable", dixo Lores. 

O evento titulado 'Ciencia, Tecnoloxía e Innovación máis aló do crecemento: Cultivando a creatividade colectiva para un futuro sostible', constará de dous tipos de actividades:

Por unha banda, contará cunha ampla gama de sesións, que inclúen conferencias académicas, paneis de expertos e talleres artísticos. Teñen como obxectivo reunir unha ampla gama de perspectivas e experiencia internacional sobre economía ecolóxica e decrecemento.

Pero ademais organizaranse iniciativas de participación cívica e iniciativas orientadas aos cidadáns (máis aló da conferencia) durante todo o ano e durante os días da conferencia. Estas actividades levarán a cabo en varios lugares da cidade e incluirán talleres, debates, exposicións e concursos. Abertas ao público, estas actividades brindarán oportunidades para unha participación activa.

O evento está organizado ao redor dos principios do decrecemento, cun forte enfoque en promover o benestar humano e ambiental, promovendo a cooperación, a democracia, a inclusión, a transparencia e a solidariedade. 

A Universidade de Vigo traballa na organización desta conferencia conxunta das redes internacionais de investigación sobre o decrecemento e a Sociedade Europea de Economía Ecolóxica.

A Conferencia Internacional sobre o Decrecemento celébrase desde 2008 en cidades como París, Barcelona, Berlín, Venecia, Leipzig, Budapest, Malmö, Viena, Manchester, A Haia e Zagreb. Mentres que a Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica organízase cada dous anos, sendo a última edición en Pisa, en 2022. O evento crea o contexto perfecto para que os investigadores discutan as dimensións ecolóxica, social, económica e política da sustentabilidade.

A ESEE-Degrowth 2024 celebrará o martes 18 de xuño a súa apertura no Pazo da Cultura, coa participación de investigadores de referencia no eido da economía ecolóxica e cun concerto do pianista Abe Rábade, centrado no seu proxecto 'Botánica'.

Nas seguintes xornadas, a actividade trasladarase á contorna do campus, desenvolvéndose as sesións plenarias, abertas ao público, nunha carpa na Illa das Esculturas. Estas, explicou Pansera, terán un formato de diálogo, reunindo académicos, activistas ou mesmo representantes públicos como "o responsable da creación da política pública de economía circular da Comisión Europea", Hans-Christian Eberl. Xunto a investigadores de diferentes países, o evento contará, na súa clausura, coa participación de Carlo Buontempo, director do Servizo de Cambio Climático do programa europeo Copernicus.

Por outra banda, a Escola de Enxeñaría Forestal será a sede das sesións paralelas, nas que se insiren a presentación das comunicacións seleccionadas de entre preto das mil propostas recibidas nesta edición, superando "todas as expectativas iniciais", como destacan desde a organización.

Ademais, na xornada previa, o luns 17 de xuño, terá lugar un simposio dirixido a alumnado de doutoramento. 

O evento académico verase complementado, polas tardes, por un conxunto de actividades, gratuítas e dirixidas ao público xeral, en diferentes localizacións da cidade. Neste abano de propostas insírense obradoiros, presentacións de libros ou coloquios nos que participarán "grandes nomes", como o científico e divulgador Antonio Turiel, quen falará “do futuro da enerxía”, explicou Pansera.

Ademais, esta iniciativa dirixida a promover a participación cidadá verase precedida pola Primavera do Decrecemento, unha serie de actividades que se desenvolverán cada xoves, a partir de abril, e nas que se inserirán "obradoiros, charlas ou presentacións artísticas sobre o tema da transición ecolóxica".

Por outra banda, no conxunto de accións que complementan esta conferencia está o proxecto PostGrowth S.A., financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación. No marco desta iniciativa, estudantes de cinco institutos de Pontevedra desenvolverán investigacións centradas na transición ecolóxica e a cidade do futuro, cuxos resultados presentarán no Espazo Xove desta conferencia internacional.