Pontevedra celebrará en outubro dúas competicións que contarán cos cans máis áxiles e intelixentes da Península Ibérica.
O Recinto Feiral acollerá a fin de semana do 1 e o 2 de outubro o Trofeo Cidade de Pontevedra e a do 22 e 23 de outubro o Trofeo Bo Cidadán Canino, ámbolos dous organizados polo Club Agility Patas e as concellerías de Benestar Animal e Promoción Económica en colaboración coa Sociedade Canina Galega e puntuables para o Campionato de España da Real Sociedade Canina (RSCE).
Nos campionatos estarán presentes cans e adestradores que foron campións nacionais de Agility en anos anteriores e participantes en mundiais.
Tanto o Cidade de Pontevedra, cuxo xuíz será Alen Marekovic, como o Bo Cidadán Canino, que terá como xuíz a Carlo Fazio, desenvolveranse en diversas categorías e graos, os sábados 1 e 22 en horario de tarde, a partir das 15:30 horas, e os domingos 2 e 23 de mañá, a partir das 9:30 horas, nunhas pistas de céspede artificial Juta Grass modelo Play Confort, especial para agility.
Estas competicións foron presentadas este xoves no Concello nunha comparecencia na que participaron os concelleiros de Benestar Animal e de Promoción Económica, Marcos Rey e Yoya Blanco, e mailo presidente da Sociedade Canina Galega, Agustín Fontán.
O ‘agility’ consistente en guiar aos cans para que percorran un circuíto cheo de obstáculos no menor tempo posible e co mínimo número de erros ou faltas, no que o animal debe entender os sinais verbais, sonoros e xestuais do seu guía, que terá que decidir as estratexias a seguir combinando velocidade e precisión.
En función da categoría na que compitan os cans, os circuítos teñen entre 15 e 22 obstáculos e os guías dispoñen duns sete minutos para memorizar o percorrido antes do inicio das probas, que son absolutamente espectaculares.
Segundo precisou Agustín Fontán, "o agility encántalle a todo o mundo, engancha, e ten un retorno económico bastante importante". Xa hai inscritos de País Vasco, Cataluña, Andalucía e tamén de Portugal.
Fontán animou á cidadanía "a vir a desfrutar dos trofeos e a aplaudir aos cans, sobre todo aos galegos, para lograr que queden aquí os premios".
A entrada será de balde.