Dúas coleccións con selo pontevedrés presentaranse na Fashion Week Madrid

Pontevedra
15 de setembro 2021

Patricia Chamadoira, coa súa colección "Solsticio", e Candela Novoa con "Cool people visit Benidorm", formarán parte do grupo de oito deseñadores e deseñadoras seleccionados para a Allianz Ego, a plataforma para novos creadores que pechará a pasarela madrileña

Fotomontaxe cos deseños de Candela Novoa e Patricia Chamadoira que se presentarán en Ego
Fotomontaxe cos deseños de Candela Novoa e Patricia Chamadoira que se presentarán en Ego / DUVI

A Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, a principal pasarela de moda de España, comeza no recinto de Ifema este xoves 16 de setembro. Na xornada do domingo 19 contará coa presenza de dúas alumnas da escola pontevedresa de deseño Esdemga (Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia).

Patricia Chamadoira, coa súa colección "Solsticio", e Candela Novoa con "Cool people visit Benidorm", formarán parte do grupo de oito deseñadores e deseñadoras seleccionados para a Allianz Ego, a plataforma para novos creadores que pechará a pasarela madrileña.

A covid-19 impedía o pasado ano que as coleccións que o alumnado de Esdemga realiza como traballos de fin de estudos se presentasen no desfile que cada fin de curso acolle o Pazo da Cultura dentro da programación de Debut. Por iso esta presentación en Madrid será unha estrea para as coleccións das deseñadoras recentemente tituladas.

En declaracións que recolle o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), Candela Novoa, que amosará o seu proxecto baixo o nome de Delanovoa, define a súa selección para a pasarela de Ifema como "unha oportunidade marabillosa" e unha "inxección de autoestima", na que presentará unha colección inspirada "no imaxinario das vacacións de verán, no turismo de sol e praia e na propia cidade de Benidorm".

Pola súa banda, Patricia Chamadoira, que se presentará no Ego baixo a marca Temporal, sinala que os antigos "rituais pagáns que se celebraban no solsticio de verán" serviron como fonte de inspiración do proxecto que articulou a partires da "reciclaxe" de tecidos antigos, como sabas ou mantas. "Apetéceme moitísimo e dáme certo medo á vez", en referencia á presentación na pasarela Ego, que lle permitirá comprobar como funcionan as súas creacións con modelos profesionais e que agarda á súa vez que axude a "abrir portas" de cara a desenvolver unha carreira profesional no mundo da moda.

Xunto ás coleccións das alumnas pontevedresa, outros seis proxectos optarán tamén no Ego ao premio Mercedes-Benz Fashion Talent, que na anterior edición da Fashion Week Madrid acadou outro titulado de Esdemga, Gabriel Nogueiras, baixo a firma Rubearth e coa colección "Fat man".