O Concello de Ponte Caldelas, a asociación de comerciantes Coempo e a ludoteca municipal colaboran durante este outono na dinamización comercial do municipio.
O centro urbano de Ponte Caldelas vai acoller dúas campañas que teñen como común denominador a xeración dun ambiente nas rúas que propicie as compras no comercio local. As iniciativas foron presentadas no Concello polo alcalde, Andrés Díaz, o presidente de Coempo e a responsable da ludoteca.
O goberno local aposta pola colaboración constante co colectivo de comerciantes, tanto cun convenio estable como con iniciativas concretas ao longo do ano.
A primeira iniciativa chegará os próximos martes e mércores, días 30 e 31, cun magosto no que se ofrecerán castañas gratis polas rúas de Ponte Caldelas. Os comerciantes e o Concello traen un castañeiro que estará traballando en horario de mañá e tarde e animará a mercar nos establecementos locais.
A segunda consiste nun tradicional Samaín e celebrarase durante a tarde do mércores, día 31. Están invitados todos os rapaces e rapazas da bisbarra, que mesmo poderán participar acompañados dos seus pais. Só é necesario apuntarse na ludoteca ata o martes, día 30.
O Samaín partirá da ludoteca ás 18.30 horas e, repartido en diversos grupos, realizará visitas aos comercios locais ofrecendo o habitual "truco ou trato". Ás 21.00 horas a festa rematará na discoteca de Ponte Caldelas onde se servirá chocolate con rosca para recuperar forzas e se celebrará un baile.