A dragaxe do Lérez, o vial do Vao e a Variante de Alba, a debate no Parlamento

Pontevedra
21 de marzo 2025

O nacionalista Luis Bará preguntou sobre os plans da Xunta para dragar o río Lérez e a socialista Paloma Castro polo Vial do Vao e a Variante de Alba

Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos
Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos / Parlamento de Galicia

O Partido Popular impuxo a súa maioría absoluta para rexeitar as dúas propostas presentadas este xoves polo BNG e o PSOE no Parlamento galego.

O nacionalista Luis Bará preguntou sobre os plans da Xunta para dragar o Lérez e a socialista Paloma Castro polo Vial do Vao e a Variante de Alba.

O portavoz do BNG en Medio Ambiente urxiu ao goberno autonómico a impulsar o proxecto de dragaxe do río, pendente de facerse realidade dende que en 2011 Portos de Galicia iniciase a tramitación dunha proposta para retirar en torno a 330.000 toneladas de lamas e outros sedimentos. 

O PP votou en contra da iniciativa nacionalista, que reclamaba ademais a dotación das partidas necesarias nos Orzamentos da Xunta para que as obras poidan comezar no ano 2026.

Os populares rexeitaron así mesmo, tal e como se pedía na iniciativa, o tratamento en terra dos depósitos da dragaxe, que a Xunta quere agora levar á boca da ría de Arousa, a catro millas da illa de Sálvora.

Pola súa banda, Paloma Castro tamén criticou o voto en contra do PP por "impedir un acordo parlamentario" para reclamarlle á Xunta a mellora das estradas autonómicas da contorna da cidade.

O grupo socialista presentou unha proposición non de Lei pedindo que comecen co denominado Viario do Vao, que conectaría a PO-531 que une Pontevedra e Vilagarcía e a PO- 310 na Caeira para mellorar as comunicacións entre as dúas vías.

Tamén reclamou a execución da Variante de Alba, e urxiu á Xunta a tomar medidas para mellorar a seguridade viaria para peóns e ciclistas entre as localidades de Pontevedra e O Grove mediante a construción de carrís específicos.