Down Galicia, a AECC e Xosé Carlos González Blanco, primeiros Premios Sociais da Deputación

Pontevedra
19 de marzo 2025
Actualizado: 12:20

O Salón de Plenos do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes o acto de entrega destes premios que recoñecen o labor das entidades de acción social que traballan na provincia

Entrega dos Premios Sociais da Deputación
Entrega dos Premios Sociais da Deputación / Deputación de Pontevedra

A Asociación Española contra o Cancro, a Federación Down Galicia e Xosé Carlos González Blanco, da Asociación Xerome Emiliani, son os gañadores dos primeiros Premios Sociais impulsados pola Deputación con motivo da conmemoración do Día Mundial do Traballo Social.

Este certame naceu coa intención de recoñecer ás persoas, entidades e proxectos que traballan a favor dos dereitos da cidadanía e dos colectivos máis vulnerables.

"Hai veces nas que o servizo público non ten capacidade para atender as necesidades de toda a poboación, e é aí onde temos o privilexio de contar cun tecido asociativo eficaz, vocacional e emprendedor para levar ás persoas que máis o necesitan unha atención de primeira", valorou o presidente da Deputación, Luis López.

A cerimonia de entrega dos primeiros comezou coa actuación de danza dos integrantes da Fundación Igual Arte.

Conducida polo guionista e presentador, Óscar Cruz, a gala continuou co discurso de benvida de Sandra Bastos, deputada responsable da área de Benestar Social no goberno provincial.

O primeiro galardón da tarde foi para a Asociación Española contra o Cancro na categoría de "Entidade de iniciativa social pola súa traxectoria".

O gañador do premio ao mellor "Proxecto polo seu impacto social", foi para a Federación Down Galicia polo proxecto de seguimento do envellecemento das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual.

A Asociación Juan XXIII foi tamén protagonista da gala. Os seus usuarios foron os encargados de fabricar os galardóns entregados aos premiados. Un traballo rexistrado nunha peza audiovisual que se proxectou durante a gala.

Entrega dos Premios Sociais da Deputación
Entrega dos Premios Sociais da Deputación     Deputación de Pontevedra

O terceiro distintivo o entregou o presidente Luis López a Xosé Carlos González Blanco, coordinador da Asociación San Xerome Emiliani, por unha vida profesional dedicada ao ámbito social.

Salientou o presidente da Deputación a importancia de recoñecer o traballo realizado polas entidades sen ánimo de lucro do ámbito social, pero tamén fixo fincapé en que as palabras de agradecemento deben chegar acompañadas con medidas de apoio concreto.

"As persoas que hoxe obtiveron o recoñecemento de levar estes primeiros Premios Sociais da Deputación de Pontevedra, así como os nomeados merecen o noso máximo agarimo, respecto e valoración. Pero este recoñecemento queda en papel mollado se non chega acompañado das ferramentas e recursos necesarios que faciliten e promovan a continuidade dos programas", puntualizou López antes de enumerar as distintas medidas de apoio a estes colectivos que ten en marcha o goberno provincial.

Entrega dos Premios Sociais da Deputación
Entrega dos Premios Sociais da Deputación    Deputación de Pontevedra