Dous veciños de Arís en Poio, ambos de nome Manuel, enfrontábanse a finais de xuño de 2015 por problemas cunha servidume de paso. Foi a pinga que colmou o vaso das malas relacións que mantiñan desde facía tempo. Preto dos seus domicilios iniciaron unha discusión que finalizou con agresións mutuas. Manuel F. portaba unha navalla de oito centímetros de folla. Manuel M. ía armado cun pau.
Daquela pelexa saíron mal parados os dous. Manuel M. chegou a Urxencias do Complexo Hospitalario de Pontevedra cunha ferida inciso contusa no antebrazo esquerdo e outra no antebrazo dereito. Tardou 15 días en curarse, durante dous deles non puido realizar as súas actividades habituais. Na súa pel quedan dúas cicatrices, de 6 e 3 centímetros.
Manuel F. sufriu traumatismo cranial con ferida debido aos golpes recibidos co pau. Tamén se lle detectou traumatismo no oído e varios hematomas en diferentes partes do corpo. No seu caso foi necesario un tratamento médico cirúrxico de sutura con grampas da ferida no pescozo cabeludo. Tardou en curarse dez días, un deles foi impeditivo. Para o recordo quedará unha cicatriz de tres centímetros, parcialmente cuberta polo pelo, o que supón un prexuízo estético en grao lixeiro. Tamén na pelexa rompéronselle as lentes progresivas cun valor de 530 euros e a pantalla do teléfono móbil. A reparación ascendeu a 37 euros.
O fiscal imputaba aos dous veciños senllos delitos de lesións feitas con instrumentos perigosos. Inicialmente pedía dous anos e seis meses de prisión. Malia todo, este xoves chegábase a un acordo no que os acusados se recoñecían culpables e o fiscal rebaixaba a pena a dous anos de prisión.
Manuel F. está obrigado a indemnizar preto de 2.000 euros polos danos causados. Ademais, ambos terán que indemnizar ao SERGAS pola cantidade que se estableza polos gastos xerados en asistencia médica na asistencia médica que lle foi prestada ao outro lesionado como consecuencia da agresión.