Dous predios en San Amaro, a estudo para construír neles ata 1.500 novas vivendas

Pontevedra
26 de outubro 2024

A Xunta está a avanzar co Concello de Pontevedra na cesión de solo urbano e urbanizable para desenvolver máis vivenda protexida, no marco da súa estratexia de solo residencial

Visita da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o alcalde a Valdecorvos
Visita da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o alcalde a Valdecorvos / Cristina Saiz

Dentro da aposta do goberno galego para ampliar a oferta residencial pública en Pontevedra, os responsables da Xunta puxeron os seus ollos en dous predios situados na zona de San Amaro.

Serían dous solos urbanizables sobre os que xa encargou un estudo de viabilidade, para analizar se é posible construír neles ao redor de 1.500 vivendas novas, segundo anunciou este sábado a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

A este respecto, Martínez Allegue destacou que a Xunta está a avanzar co Concello de Pontevedra na cesión de solo urbano e urbanizable para desenvolver máis vivenda protexida, no marco da estratexia de solo residencial que impulsa a administración autonómica.

No caso dos solos urbanos, confirmou, como xa adiantara o alcalde, que a Xunta está a tramitar a formalización do procedemento de cesión das tres parcelas que propuxo o Concello nas zonas de Tafisa, Valdecorvos e As Devesas (A Parda).

"A cooperación cos concellos é fundamental", subliñou a conselleira de Vivenda, que agradeceu toda a colaboración prestada polo goberno municipal de Pontevedra neste eido.

Visita da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o alcalde a Valdecorvos
Visita da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o alcalde a ValdecorvosCristina Saiz

Martínez Allegue fixo este anuncio na visita que protagonizou, acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao barrio pontevedrés de Valdecorvos.

Alí, ás 178 vivendas de promoción pública que está a impulsar a Xunta -74 xa en construción e outras 104 en dous inmobles que están en tramitación- sumaranse catro vivendas que se habilitarán en dous baixos comerciais propiedade da administración autonómica.

A transformación en vivendas destes baixos, que non chegaron a ter uso, saíu a licitación por uns 198.000 euros. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 9 de decembro.

OBRAS NA SENDA DE MOLLAVAO E CAMPAÑÓ

A maiores, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanzou que están a punto de comezar as obras da senda peonil entre Mollavao e Os Praceres, ao longo da estrada vella de Marín, a PO-546, nas que a Xunta de Galicia investirá 6,3 millóns de euros.

O mesmo camiño seguirá a mellora da seguridade viaria da PO-531 ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Campañó, actuación á que destinarán máis de 862.000 euros.

Visita da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o alcalde a Valdecorvos
Visita da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o alcalde a ValdecorvosCristina Saiz