Un bar de Poio, situado na Avenida de San Xoán, foi escenario o pasado venres 3 de novembro dun desagradable episodio de agresión machista.
Dous policías locais fóra de servizo, de Rianxo e Vilagarcía, tiveron que intervir para frear a agresión, coa colaboración doutras persoas que se atopaban no bar así como dos donos do mesmo.
Segundo testemuñas do suceso, este produciuse ao redor das 22.30 horas da noite cando un home que estaba sentado xunto á súa parella na terraza do local empezou a poñerse en actitude agresiva con ela chegando a agredila física e verbalmente.
O home enfrontouse ademais aos donos do bar.
Ao lugar acudiu unha patrulla da Garda Civil alertada da situación, e tamén unha ambulancia do 061 que segundo fontes policiais trasladou o home a un centro hospitalario para a súa valoración.