A pandemia segue á alza na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, aínda que este mércores un lixeiro descenso dos pacientes con covid-19 ingresados. Se o martes había 44, este martes son 42. En todo caso, a noticia negativa é que aumentaron os pacientes en UCI, dúas fronte a un.
Este martes, hai dous pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 40 en planta de hospitalización: 32 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez e 7 no Hospital do Salnés.
En total, os casos activos seguen aumentando, cun total de 2.265 na área sanitaria, 70 máis que o martes. Chégase a esta cifra tras confirmar 238 positivos nunha xornada e darse 168 altas epidemiolóxicas.
Desde o inicio da pandemia curáronse 59.301 pacientes e faleceron 263 .
A limitación de probas diagnósticas levou a reducir o número de PCR’ s e nas últimas 24 horas fixéronse 211, que elevan a 406.286 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
Segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 21.256, dos que 443 están ingresados, 18 en UCI e 425 en unidades de hospitalización.
Do total de casos activos, 4.474 son da área da Coruña, 2.553 da de Lugo, 2.429 da de Ourense, 2.265 da de Pontevedra, 3.955 da área de Vigo, 3.490 da de Santiago e 1.990 da de Ferrol.
Por agora, en Galicia hai un total de 513.064 persoas curadas e houbo 3.186 falecementos, tras sumarse seis novas vítimas no último parte oficial, todas elas con patoloxías previas e idades comprendidas entre os 53 e os 92 anos. Así, repórtase unha morte na Coruña o pasado 18 de marzo, outra en Vigo o 19, dous en Lugo e Ourense o día 20 e dous na Coruña e Vigo o luns 21.
O número de PCR realizadas é de 3.763.801 e o número de dose de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.605.892.