Dous ou tres días máis de cortes de auga pola avaría na rede de abastecemento

Pontevedra
04 de agosto 2014

Coordináronse ademais unha serie de traballos para poder abastecer durante unhas horas ás zonas de Marín que levan practicamente todo o fin de semana sen auga

Obras de reparación da avaría de auga na subministración a Marín
Obras de reparación da avaría de auga na subministración a Marín / PontevedraViva

Dende primeira hora da mañá técnicos da empresa Viaqua traballan xa na reparación da avaría que sufriu o sistema de abastecemento de auga dende Pontevedra a Marín. Xa contan con todos os materiais técnicos e o persoal necesario para abordar este problema. Os traballos durarán dous ou tres días, nos que se traballará coa "máxima axilidade posible", segundo explicou o voceiro do goberno municipal de Pontevedra, Raimundo González.

En concreto, durante este luns terán que abrir unha gabia de 3,50 por 1,60 metros, que terá unha profundidade de 1,7 metros. Cando estea rematado haberá que estibalo e botalo formigón. Para acceder á zona avariada haberá que esperar ao martes. Unha empresa especializada será a que quite o formigón armado que protexe a galería de servizos, onde tras ser ventilada haberá que substituír as canalizacións danadas.

Esta reparación prodúcese ao mesmo tempo que os concellos de Marín e Pontevedra colaboran para que os cortes na subministración ao municipio marinense sexan os mínimos posibles. Ao non poder subministrar auga por esta canalización, dedicada exclusivamente a conducir a auga a Marín e Bueu, estase a abastecer auga dende a canalización de Estribela. Pero nela a presión é menor, de aí os problemas en Seixo ou Loira, onde apenas chega caudal.

Coordináronse ademais unha serie de traballos para poder abastecer durante unhas horas ás zonas de Marín que levan practicamente toda a fin de semana sen auga. A pesar da falta de presión, o resto das zonas tiveron como mínimo tres horas de auga.

Nestes momentos a falta de auga no depósito da Costa obriga a que se produzan cortes de auga nas zonas máis altas que non poden abastecerse a través dos depósitos de Pedreiras. Hai restricións polo tanto en Ezequiel Massoni, Jaime Janer, Maestranza, Cuesta, Callejón Malló ou a zona de Briz, que sufrirán cortes ata que o depósito non recupere algúns metros que posibiliten ter o caudal necesario para poder abastecer a estas zonas.