Dous novos incendios solan Armenteira e Caldas

Umia
15 de outubro 2017
Actualizado: 16 de outubro

Pasadas as oito da tarde deste domingo a Policía Local de Caldas de Reis informou dun incendio forestal na parroquia de Saiar cun segundo foco no monte Xiabre. Ás nove da noite no concello de Meis, comezou a arder a zona de monte da Armenteira. De novo con dous focos, entre os lugares de Fofán e Gondes. Arredor das 01.30 horas, os servizos de emerxencias deron por controlado o lume na zona da Armenteira  

Incendio en Armenteira
Incendio en Armenteira / PontevedraViva

Os incendios que nas últimas horas están a arrasar Galicia, especialmente a zona sur da provincia de Pontevedra, comezaron a ter réplicas cara ao norte.

Pasadas as oito da tarde, a Policía Local de Caldas de Reis informou dun incendio forestal na parroquia de Saiar, nun lugar próximo ao campo de fútbol. Trátase dun lume que, segundo fontes oficiais, comezou en polo menos dous focos.

Unha hora máis tarde detectouse un segundo foco de lume preto nas proximidades dos aeroxeradores do monte Xiabre.

A falta de visibilidade e a intensidade coa que empeza a soprar o vento do sur están a complicar os labores de extinción.

O lume afastouse das áreas poboadas de Saiar pero as chamas, informan os efectivos de emerxencias, avanzan cara a zonas de Bemil e Carracedo.

No operativo, ademais dos brigadistas da Xunta, traballan efectivos de Protección Civil de Caldas, Vilagarcía, Portas, Cuntis e Valga, así como o servizo de emerxencias de Vilagarcía.

O incendio obrigou tamén a cortar o tráfico na estrada EP-8001, que une Caldas de Reis con Catoira, segundo informou Protección Civil de Caldas.

OUTRO INCENDIO EN ARMENTEIRA

Un segundo incendio, este no Concello de Meis, iniciouse tamén sobre as nove da noite na zona de monte de Armenteira. De novo con dous focos, entre os lugares de Fofán e Gondes. Foi necesario desaloxar varias vivendas e arderon galpóns sen que se produciran danos persoais.

Emerxencias Sanxenxo está a intervir neste incendio localizado entre Meis e Meaño e próximo a vivendas cun vehículo contraincendios e 5 oficiais do servizo.

Arredor da 01.30 horas, os equipos de emerxencia deron por controlado o lume nesta zona onde nos labores de extinción participaron dous camións de bombeiros e numerosos veciños.

Todas as casas foron desaloxadas, segundo fontes presenciais, e os habitantes da contorna mantivéronse agrupados na rotonda onde comeza o roteiro da Pedra. O lume chegou ata a porta das casas sen que chegase a causar graves danos nos inmobles malia que dous galpóns arderon afectados polas lapas.

Arquivado en