A pandemia da covid-19 xa se cobrou a vida de 86 persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A cifra acadouse na noite deste sábado, tras contabilizarse dúas novas vítimas mortais entre os pacientes que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Segundo o balance oficial de falecidos facilitado polo Servizo Galego de Saúde, o sábado faleceron unha muller de 77 anos e un home de 69 que estaban ingresados en Montecelo. Segundo confirman fontes da área sanitaria, os dous tiñan patoloxías previas.
En toda Galicia faleceron este sábado catro persoas, dous homes e dúas mulleres de entre 69 e 96 anos. Ás dúas vítimas pontevedreses hai que sumar unha muller de 96 anos que estaba ingresada no HM Modelo-Belén da Coruña e un home de 87 anos no Hospital Comarcal de Verín, en Ourense.
A anterior vítima mortal da covid-19 na área sanitaria produciuse o pasado xoves 7 de xaneiro, unha muller de 85 anos falecida tamén cando estaba ingresada no CHOP e que tiña patoloxías previas.
As estatísticas oficiais da covid-19 rexistradas polo Sergas recollen que na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés o 38,4% dos falecidos tiñan entre 80 e 89 anos. É a franxa de idade con máis vítimas, seguida da de persoas entre 70 e 79 anos, na que se produciron o 24,4% das mortes.
Todos os falecidos ata agora nas tres ondas da enfermidade tiñan máis de 50 anos. O 3,5% dos falecidos tiñan entre 50 e 59, o 13,9% están na franxa de idade de 60 a 69 anos e o 19,8 % tiñan máis de 90 anos.