Dous novos falecementos de pacientes con covid elevan a 216 o número de vítimas mortais na área sanitaria

Pontevedra
17 de decembro 2021

A Consellería de Sanidade notificaba este venres a morte dun home de 86 anos e dunha muller de 95, que se atopaban ingresados en Montecelo, diagnosticados por coronavirus. Ademais destes dous casos, o Sergas tamén comunicaba un deceso máis este venres, unha muller de 95 anos, en Ourense, e o falecemento dun home de 78 anos, que perdía a vida o xoves no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Todos contaban con outras enfermidades previas no seu historial

Persoal sanitario con material para realizar probas PCR
Persoal sanitario con material para realizar probas PCR / Mónica Patxot

Un home de 86 anos e unha muller de 95 anos son as dúas novas vítimas que se suman á lista de persoas que faleceron na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés con motivo da covid-19. Ambos se atopaban ingresados no Hospital Montecelo de Pontevedra e perdían a vida nas últimas horas, despois de seren diagnosticados por coronavirus polos servizos médicos. Os dous pacientes contaban con outras enfermidades nos seus historiais clínicos.

Con estas dúas novas mortes en Montecelo, o número de vítimas na área sanitaria desde o inicio da pandemia ascende a 216 pacientes. A anterior vítima rexistrouse na xornada do xoves. Tratábase dun home de 66 anos que presentaba patoloxías previas.

Desde o inicio do plan de continxencia pola covid-19 curáronse nos distritos de Pontevedra e O Salnés un total de 22.077 persoas, 85 máis que o xoves.

A consellería de  Sanidade notificou outros dous falecementos máis este venres en Galicia: unha muller de 95 anos que falecía nesta xornada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e a dun home de 78 anos, que perdía a vida o xoves no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Tamén contaban con outras enfermidades nos seus informes médicos.

O número total de falecementos en Galicia con motivo da pandemia sitúanse en 2.718 persoas. Actualmente, a comunidade autónoma e o conxunto de España atópase en risco moi alto de transmisión da  covid co dato de que os positivos en Galicia son o triplo agora que o ano pasado nestas datas, pero as hospitalizacións por esta enfermidade descenderon un 24%.