Arcade estreará este verán dúas novas áreas de aparcamento gratuíto. Así o anunciou o goberno municipal de Soutomaior, que destaca que estas zonas poderanse habilitar grazas aos propietarios de dúas parcelas que cederon o seu uso para este fin de maneira desinteresada.
Unha delas estará no núcleo comercial de Arcade, na Rúa Xosé Solla. Suporá un incremento de máis de 60 prazas á zona de aparcamento que hai na actualidade, o que permitirá que todo este ámbito conte con preto dun cento de prazas de estacionamento de balde.
A outra nova zona de aparcamento gratuíto está situada na contorna da Rúa Forneira. É un espazo que está habilitado con vinte novas prazas de aparcamento e que xa está dando servizo tanto aos espazos de restauración como ás zonas de ocio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que con estas dúas zonas de aparcamento "cumprimos cos nosos compromisos coa veciñanza", mellorando a calidade de vida dos residentes e dos visitantes que acoden a mercar na vila.
Pablo Garrido, concelleiro de Urbanismo, sinalou que na actualidade "seguimos con negociacións de fincas para incrementar as prazas de aparcamento gratuítas".
Adiantou que nos vindeiros meses "poderíamos estar falando de cincuenta prazas de aparcamento novas", o que duplicaría os espazos dispoñibles na zona urbana do concello.