Dous nenos de 8 e 10 anos resultan feridos nun accidente en Cuntis

Cerdedo-Cotobade
06 de maio 2017

O accidente producíase arredor das 10.30 horas na Nacional 640 no cruce de Moraña ao impactar dous turismos. Os menores foron trasladados ao Hospital Quirón Salud Miguel Domínguez

Accidente en Cuntis
Accidente en Cuntis / PontevedraViva

Dous nenos resultaban feridos tras o impacto entre dous turismos na Nacional 640 á altura do cruce de Moraña. O accidente rexistrábase ao redor das 10.30 horas da mañá deste sábado. Un dos vehículos procedía do concello de Caldas en dirección a Cuntis mentres que no outro turismo, onde viaxaban os dous menores, de 8 e 10 anos de idade e veciños de Tenorio, desprazábase desde Moraña cara a Caldas coa intención de trasladar aos nenos ao campo da Ran.

Segundo fontes de Protección Civil de Cuntis, a condutora do vehículo dos menores impactaba contra o outro automóbil provocando que un deles sufrira un golpe na cabeza e o outro tamén se queixaba do peito e sinalaba que non era capaz de saír do auto amosando síntomas de insuficiencia respiratoria.

Foi necesaria a intervención dunha ambulancia, que trasladaba os dous nenos ao Hospital Quirón Salud Miguel Domínguez de Pontevedra para avaliar a gravidade das feridas sufridas. A avoa dos menores queixábase tamén dunha ferida sufrida no ombreiro mentres que o condutor do outro turismo mostraba molestias no tórax tras o impacto. 

O tráfico que circulaba cara a Caldas e Moraña tivo que ser desviado pola estrada vella durante aproximadamente hora e media ata que os dispositivos de emerxencia deixaron limpa a zona dos restos do accidente.