Dous millóns de fondos propios da Deputación van destinarse a mellorar preto de 90 paradas de autobús

Pontevedra
17 de marzo 2023

Trátase dunha liña integrada no Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030 co obxectivo de promover o transporte público. Segundo avanzou Carmela Silva, presidenta da Deputación, e Gregorio Agís, deputado de Infraestruturas, a intención é que as obras comecen en 2024, despois de realizar visitas de campo, levantamento topográfico e anteproxectos axustados ás circunstancias da zona onde se atope a parada

Gregorio Agís e Carmela Silva presentan o plan Apearse
Gregorio Agís e Carmela Silva presentan o plan Apearse / Deputación de Pontevedra

Coa intención de promover o transporte público, a Deputación de Pontevedra presentou o seu proxecto Apearse, de mellora das paradas de autobús que se inclúe no Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030

Este venres, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañada por Gregorio Agís, deputado de Infraestruturas, explicaba que se realizaron consultas aos diferentes concellos da provincia recibindo propostas para intervir en preto de noventa paradas de autobús, correspondentes a 28 municipios da provincia. 

A esta primeira fase de actuación destinaranse dous millóns de euros de fondos propios. Ao longo de dez meses, desde a institución provincial realizaranse visitas de campo aos espazos nos que se atopen as paradas; seleccionaranse as propostas; para despois realizar o levantamento topográfico e elaborar os anteproxectos para realizar as obras a partir de 2024, tras todas as análises e tramitacións.

Agís explicou que no plan recóllense catro soluciones para resolver as actuacións atendendo ao tráfico que se rexistre na vía e características da contorna. A intención é crear espazos seguros baseándose en estudos individuais. O investimento previsto nesta primeira fase procederá de fondos propios da Deputación de Pontevedra.

Carmela Silva aproveitou para realizar unha comparativa coas actuacións que a Xunta de Galicia realiza nas paradas de autobús sinalando que no caso da administración autonómica execútanse con diñeiro do Estado procedente dos fondos europeos Next Generation para criticar que "están vendendo cousas que non son con recursos deles". Tamén lamentou que desde o goberno galego non se consulten os proxectos coas administracións provinciais nin cos Concellos.

PLAN CONCELLOS

A presidenta provincial tamén anunciou que se mobilizarán outros 1,8 millóns de euros para mellorar servizos na provincia a través do Plan Concellos con 13 novas achegas a once municipios.

Entre estes proxectos en materia de cooperación atópanse os propostos polo Concello de Caldas, onde se creará un parque infantil na Praza de Martín de Herrera, cun investimento de máis de 116 mil euros; e por Bueu coa pavimentación de catro camiños municipais na parroquia de Meiro, cunha achega de 66.496 euros.