O Concello de Soutomaior pechou o mes de xullo cunha tesourería superior aos 2 millóns de euros, concretamente 2.095.000 euros.
A cifra representa un incremento de máis do 50% respecto ao mesmo período do ano pasado, cando a cuantía era de 1.372.000 euros.
O alcalde Manu Lourenzo destacou que estes datos reflicten a "boa saúde económica" do municipio, permitindo ofrecer máis servizos, unha axenda cultural e social atractiva, e continuar coas obras de transformación urbanística.
O incremento na liquidez vén acompañado dunha redución do gasto corrente en case 200.000 euros nos últimos 12 meses, grazas a unha política de control do gasto.
Ademais, o Concello xestionou case 1,5 millóns de euros en subvencións neste período, o que permitirá seguir mellorando os servizos municipais e avanzar nas obras en curso e futuras, segundo o goberno local.
Lourenzo indicou neste balance que esta situación se produce malia que a Xunta de Galicia decidiu aplicar nos últimos meses a suba do canon de Sogama e o incremento do canon de Augas de Galicia. que afectan directamente ao peto da veciñanza e ás arcas municipais.
Pola súa banda, a equipa de goberno local acordara no mes de decembro de 2023 conxelar e non subir as taxas e impostos municipais nos orzamentos de 2024.