Ás 14.50 horas deste martes a Consellería do Medio Rural e do Mar deu por controlado o incendio forestal que se declarou ás 21.29 horas da noite do luns na parroquia de Tenorio, no Concello de Cotobade.
As estimacións provisionais da Consellería sinalan que o lume arrasou 21 hectáreas de superficie arborada, se ben haberá que esperar a ter datos parametizados para dalos como definitivos. Dende as 20.30 horas está considerado xa estinguido.
A maiores deste lume a Xunta indicou que nas mesmas horas e na mesma parroquia de Parada de Tenorio se produciu un segundo incendio. Nese caso comezou á 3.30 horas da madrugada e considerouse controlado ás 14.20 horas tras arrasar 11 hectáreas.
CONTROLADO o #IFTenorioCotobade. Superficie estimada provisional: 21 hectáreas arboradas
incendios 085 (@incendios085) August 27, 2013
Extinguido o #IFTenorioCotobade. Superficie estimada provisional: 21 hectáreas arboradas.
incendios 085 (@incendios085) August 27, 2013
Segundo informou a Consellería, o lume que se iniciou ás 3.30 horas requeriu para o seu control o despregamento de seis axentes, dez brigadas e sete motobombas. O que se produciu entre as 21.20 e as 14.50 horas implicou seis axentes, dez brigadas, sete motobombas, un helicóptero e seis avións.
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, explicou que o lume que comezou ás 21.29 horas estivo próximo a varias vivendas. Ao longo das primeiras horas da madrugada chegou a escasos metros de dúas vivendas e mobilizáronse todos os veciños da parroquia para axudar aos medios de extinción.
Os veciños contabilizaron ata cinco focos de incendio diferentes, de modo que apuntan a que as chamas tiveron que ser provocadas. O alcalde resalta que durante a madrugada soprou un vento forte que dificultou as tarefas de extinción, pero resalta a "rápida intervención" dos medios despregados pola Xunta.
Na mesma parroquia de Tenorio, pero no lugar das Cachadiñas, producírase un pequeno lume forestal na madrugada do domingo ao luns.