Dous incendios forestais iniciados de madrugada axexan o norte de Cuntis

Umia
11 de setembro 2013

Os lumes iniciáronse con dúas horas e media de diferenza, pero coincidiron activos durante cinco horas seguidas. O primeiro iniciouse ás 00.22 horas na parroquia de Piñeiro e quedou extinguido ás 8.08 deste mércores tras queimar 28 hectáreas de arboredo. Ás 3.00 horas comezou outro incendio na parroquia estradense de Santo André de Vea, chegou ata a zona da Portela en Cuntis e dende o amañecer traballan medios aéreos de extinción

O norte de Cuntis viuse asediado na madrugada do martes ao mércores por dous incendios que se iniciaron con dúas horas e media de diferenza, pero coincidiron activos durante cinco horas seguidas. O primeiro afectou á parroquia de Piñeiro e está extinguido dende primeira hora da mañá O segundo iniciouse no límite co Concello da Estrada e quedou controlado ás 19.38 horas deste mercores.

As chamas que mantiveron en alerta toda a zona norte do municipio iniciáronse ás 00.22 horas na parroquia de San Mamede de Piñeiro. Segundo informou a Consellería do Medio Rural e do Mar, o incendio permaneceu activo toda a madrugada e quedou extinguido ás 8.08 horas deste mércores.

Durante as case seis horas nas que estivo activo, o lume arrasou unha superficie estimada de 28 hectáreas de arboredo. Para a súa extinción traballaron dous axentes forestais, catro brigadas, tres motobombas e unha pa.

Cando os medios de extinción estaban a sufocar este incendio forestal iniciouse outro a non máis de cinco quilómetros, no límite co Concello da Estrada. O lume comezou ás 3.00 na parroquia estradense de Santo André de Vea, pero chegou ata a zona da Portela en Cuntis.

Ás 13.30 horas a estimación de Medio Rural era que a superficie queimada alcanzaba as 20 hectáreas. O lume quedou controlado ás 19.28 horas e xa desprazou ao lugar medios terrestres e aéreos de extinción. Ata o momento, desprazáronse á zona un técnico, cinco axentes forestais, 13 brigadas, nove motobombas e dúas pas. Dende o amencer, sobrevoaron a zona tres avións e dous helicópteros de extinción.

Por outra parte, ás 15.07 horas da tarde deste martes iniciouse o segundo incendio do día na parroquia de Piñeiro. Quedou controlado dúas horas despois, ás 17.05 e queimou 0,3 hectáreas de superficie de monte raso. Para a súa extinción, a Xunta enviou ao lugar un axente forestal, dúas brigadas, dúas motobombas e un avión do Ministerio de Medio Ambiente.

Arquivado en