Dous homes, de 66 e 73 anos, novas vítimas mortais con covid en Montecelo

Pontevedra
28 de decembro 2021

A Consellería de Sanidade informa doutras dúas mortes máis este martes en Galicia, un home de 57 anos en Lugo e unha muller de 91 anos no Hospital Povisa de Vigo. A área sanitaria eleva o número de falecementos a 268 pacientes mentres que, en Galicia, as mortes desde o inicio da pandemia ascenden a 2.757 persoas

Punto de realización de test pcr
Punto de realización de test pcr / Mónica Patxot

Dúas persoas falecidas súmanse á longa lista de decesos do últimos once días como consecuencia do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Neste período perderon a vida 14 persoas diagnosticadas por esta enfermidade.

Nesta ocasión, a Consellería de Sanidade informa da morte dun home de 66 anos e doutro de 73 anos que se atopaban ingresados no Hospital Montecelo con outras enfermidades nos seus historiais clínicos. Coas súas mortes, a área sanitaria incrementa o número de vítimas desde o inicio da pandemia a 228 persoas, a última rexistrárase na xornada deste luns, unha muller de 81 anos que tamén falecía en Montecelo.

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 23.445 pacientes nos distritos de Pontevedra e O Salnés, 201 persoas máis que na xornada de onte.

A Consellería de  Sanidade tamén notificou a morte doutras dúas persoas con covid-19 en Galicia. Trátase dun home de 57 anos, que morría no Hospital Lucus Augusti de Lugo e unha muller de 91 anos, falecida no Hospital Povisa de Vigo. Tamén contaban con outras patoloxías previas.

Con estas outras catro mortes, o número de perdas como consecuencia da pandemia en Galicia ascende a 2.757 persoas desde que se ten constancia de falecementos derivados do virus.

PREVISIÓN DE VACINAS

Desde a xerencia da área  sanitarlia insisten en que tanto no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra como na antiga Comandancia en Vilagarcía séguese vacinando a todas aquelas persoas que acudan, aínda que non puxeran ningunha dose. Tamén se realizan repescas de persoas maiores de 50 anos e de persoal sanitario e sociosanitario. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou este martes que as persoas non vacinadas corren aínda máis perigo con esta nova onda da pandemia, xa que a variante  ómicrom é altamente contaxiosa. Ademais, sinalou que das oito persoas falecidas nos últimos días, notificadas o luns, a metade non recibira vacina algunha.

O edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo ten previsto administrar este mércores 29 un total de 2.700 terceiras doses a cidadanía con idades entre 40 e 49 anos. Tamén se vacinarán menores de 49 anos que recibisen anteriormente vacúas de vector viral.

Na antiga Comandancia da Mariña en Vilagarcía administraranse 750 terceiras doses a poboación con entre 40 e 49 anos. Os citados recibirán un SMS indicando o lugar, data e hora da cita. Desde o Servizo Galego de Saúde piden puntualidade para evitar colapsos de circulación de persoas no recinto.