Dous homes, a xuízo por secuestrar a dúas mulleres en Vilagarcía finxindo ser gardas civís

Pontevedra
20 de abril 2019

A Fiscalía sostén que as dúas vítimas foron a propietaria dunha vivenda e a muller que traballaba como empregada de fogar e que as mantiveron retidas varias horas ata que lles dixeron onde tiñan o diñeiro. Atribúelles os delitos de detención ilegal, roubo con intimidación e danos 

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

Dous homes sentarán o vindeiro martes 23 de abril no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra por presuntamente secuestrar dúas mulleres ás que trasladaron a unha nave de Vilagarcía de Arousa e ataron a unha columna coas mans ás costas mentres eles estaban disfrazados de axentes da Garda Civil. 

A Fiscalía solicita á Sección Segunda da Audiencia que condene a un deles a 12 anos de prisión e ao outro a 13 anos e nove meses como autores dos delitos de detención ilegal, roubo con intimidación e danos. Tamén pide que os acusados devolvan os 3.000 euros roubados, abonen o valor dos reloxos que levaron da casa e non foron recuperados, paguen por un coche que incendiaron e asuman o custo dos danos producidos na vivenda.

O escrito de acusación da Fiscalía sostén que as dúas vítimas foron a propietaria dunha vivenda e a muller que traballaba como empregada de fogar e que as mantiveron retidas varias horas ata que lles dixeron onde tiñan o diñeiro.

Os feitos producíronse o 20 de novembro de 2013. Segundo o fiscal, os dous acusados chamaron ao timbre da vivenda vestidos con uniformes da Garda Civil e, tras enganar á dona para que lles deixase entrar, abordaron ás dúas mulleres alegando que as levaban detidas

Atáronas cunhas bridas e metéronas nun Audio A6 que estaba aparcado no garaxe da casa. Leváronas a unha nave industrial abandonada coa cabeza tapada cun pasamontañas e alí baixáronas a un soto e atáronas a unha columna.

Ante a negativa das mulleres para dicirlles onde tiñan diñeiro gardado, un dos acusados puxo unha pistola na cabeza á dona da casa, ensinoulle fotos da súa filla e ameazouna con descortizala. Tamén finxiu estar disposto a cortarlle os dedos dunha man cun coitelo.

Tras varias horas retidas, a muller reveloulles onde tiña oculto o diñeiro e as xoias e os dous homes acudiron alternativamente ao domicilio para buscalo, revolvendo as habitacións e picando o chan do garaxe ata que acharon o botín. Unha vez logrado o seu obxectivo, volveron subir ás dúas mulleres ao coche e leváronas de volta ao domicilio, onde as deixaron atadas e advertíronas: "Temos amigos en Garda Civil e imos saber o que declarades".

Os dous acusados, segundo o fiscal, marcharon en dous coches de alta gama que roubaron da casa. Un destes coches abandonárono diante dun concesionario de automoción e o outro o deixaron nunha estrada secundaria do municipio pontevedrés de Meis tras plantarlle lume coa intención de desfacerse del.