Dous furtivos sorprendidos cando vendían ameixa ilegal nun negocio de Poio reaccionan ameazando aos policías

Poio
27 de agosto 2020

Unha patrulla da Policía Local recoñeceu na avenida de Andurique dous homes xa moi coñecidos polos seus antecedentes de furtivismo e viu como entraban nun establecemento da avenida de Porteliña cunha bolsa de plástico que puideron constatar posteriormente que contiña ameixa 

Ameixa intervida aos furtivos
Ameixa intervida aos furtivos / Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio continúa a dar golpes ao furtivismo na localidade. Durante a pasada fin de semana, volveron denunciar dous homes que xa contan cun amplo historial de actividades similares que foron sorprendidos xusto despois de vender ameixa ilegal. Cando os policías procederon a denuncialos, reaccionaron de xeito violento, ameazando aos axentes

Os feitos tiveron lugar na mañá do domingo 22 de agosto. Unha patrulla da Policía Local recoñeceu na avenida de Andurique dous homes xa moi coñecidos polos seus antecedentes por participar en extraccións ilegais de ameixa. Os axentes viron como entraban nun establecemento da avenida de Porteliña cunha bolsa de plástico que, segundo puideron constatar posteriormente, contiña ameixa

Tras presenciar esta situación, os policías acudiron ao local e identificaron o propietario do local que realizou a compra deste produto. Minutos despois, localizaron os responsables da venda e comunicáronlles que ían proceder á incautación dos cartos obtidos por esta transacción ilegal. 

Nese momento, os denunciados empezaron a proferir ameazas moi graves contra os axentes. Esta actitude continuou máis tarde, xa nas dependencias da Policía Local, cando os axentes estaban a tramitar o atestado policial, de maneira que os homes foron denunciados como presuntos responsables dun posible delito contra a flora e a fauna e outro de ameazas. 

Tendo en conta os antecedentes destes dous individuos, as pescudas efectuadas pola Policía Local apuntan a que esta venda ilegal está relacionada coas extraccións ilegais que veñen detectando as autoridades, en colaboración cos vixiantes da Confraría de San Telmo, en lugares como Campelo e proximidades. 

Nos últimos meses constatouse a existencia dunha rede de furtivos, plenamente organizada, que realiza as extraccións en plena madrugada e garda o botín en zulos situados no monte, varios dos cales foron localizados e desmantelados grazas aos operativos de vixía. Neste caso, a Policía Local destaca a importancia de ter cazado 'in fraganti' unha venda ilegal, xa que permite actuar de xeito máis contundente contra os seus responsables.

As dilixencias foron trasladadas ao Xulgado de Garda de Pontevedra.