Dous 'fillos' do carballo de Santa Margarida crecerán no campus da Xunqueira

Pontevedra
01 de decembro 2022

Dúas árbores nacidas hai un ano a partir das landras do carballo de Santa Margarida crecerán no campus universitario da Xunqueira. Os 'fillos' desta centenaria árbore, tras pasar un tempo nun viveiro, pasarán a formar parte do arboreto do campus pontevedrés. As árbores, que foron bautizadas co nome de Carolo e Xoeira, foron doadas polo IES Luis Seoane

Os 'fillos' do carballo de Santa Margarida que crecerán no campus
Os 'fillos' do carballo de Santa Margarida que crecerán no campus / Universidade de Vigo

Dúas árbores nacidas hai un ano a partir das landras do carballo de Santa Margarida crecerán no campus universitario da Xunqueira. Os 'fillos' desta centenaria árbore, tras pasar un tempo nun viveiro, pasarán a formar parte do arboreto do campus pontevedrés.

As árbores, que foron bautizadas co nome de Carolo e Xoeira, foron doadas polo IES Luis Seoane, que impulsa un proxecto "sostible e circular" en torno ao carballo, Escrita con Zume, que engloba un conxunto de actividades educativas en diferentes áreas.

Os dous exemplares entregáronse acompañados duns carteis feitos cunha tinta realizada a partir de bugallos da árbore, xunto cun texto que explica a orixe dos seus nomes, xurdidos da compilación de expresións en galego que frei Martín Sarmiento realizou no século XVIII. 

Así mesmo, a escola de Forestais recibiu neste acto unha serie de pezas procedentes dunha póla que o carballo perdeu o pasado verán e que pasarán a formar parte da xiloteca do centro, que reúne máis de 400 táboas de madeira pertencentes a máis dun centenar de especies.

"Para nós é moi importante ter aquí anacos do carballo de Santa Margarida, porque non tiñamos ningunha árbore tan antiga e moito menos da nosa cidade", salientou a subdirectora da escola, Ángeles Cancela.