Dous días sen servizo de internet en Tenorio e Viascón

Cerdedo-Cotobade
09 de xaneiro 2025
Actualizado: 10 de xaneiro

A agrupación socialista de Cerdedo-Cotobade indica que afecta os establecementos comerciais e que se están a repetir estas incidencias noutras zonas do municipio durante as últimas semanas

CEIP de Tenorio
CEIP de Tenorio / Concello de Cerdedo-Cotobade

As parroquias de Tenorio e Viascón, no concello de Cerdedo-Cotobade, levan dous días sen conexión a internet.

Esta situación está a afectar tanto a particulares como a establecementos comerciais da zona, segundo denuncian desde a agrupación socialista do municipio.

A incidencia ten especial impacto nos negocios locais, que ven dificultada a súa actividade empresarial ao non poder realizar xestións básicas como os pedidos en liña.

O corte do servizo tamén afectou aos centros educativos situados en Tenorio, segundo sinalan os socialistas.

Estas dúas parroquias, que son das máis poboadas do municipio, súmanse así a outras zonas do concello que nas últimas semanas experimentaron problemas similares, como foi o caso de Carballedo.

Os veciños afectados reclaman unha solución urxente para restablecer un servizo que consideran esencial para o desenvolvemento da súa vida cotiá e das súas actividades profesionais.

En xaneiro de 2023 anunciouse a chegada da fibra óptica a todo o territorio municipal, un proxecto que aínda non se materializou na súa totalidade, mantendo algunhas zonas do concello con deficiencias na conectividade, indica a agrupación socialista de Cerdedo-Cotobade.

Tamén o grupo municipal do BNG denunciaba esta situación nas redes sociais lamentando as "caídas habituais ou a falta de fibra en moitos lugares do concello".

CUBELA URXE A MOVISTAR A REPARACIÓN

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, transmitía en redes sociais que desde o Concello se estaba presionando a Movistar para que solucione "canto antes e con urxencia o subministro telefónico e de fibra óptica en Tenorio e Viascón, e parte de San Xurxo, que levan varios días cunha avaría".

"Non nos parece de recibo que unha compañía do nivel de Movistar tarde tanto e teña os seus clientes nunha situación como esta xa que hai empresas, persoas que viven soas e mesmo rapaces que necesitan da telefonía e de internet para levar ao día as súas tarefas escolares", sinala Cubela.

Ante esta situación, o Concello esixe a Movistar un trato digno "xa que non é normal o que está a suceder", recoñece o alcalde.