Marín decretará dous días de loito oficial pola morte de Benito González Dopazo, concelleiro do PSOE no municipio, que o pasado domingo resultou ferido grave no incendio de Pontesa.
Esta declaración será aprobada nun pleno extraordinario que a corporación municipal celebrará este mércores, a partir das cinco da tarde, segundo informa o Concello.
O consistorio decidiu ademais suspender todos os actos institucionais e oficiais no municipio como mostra de condolencia polo falecemento.
"A vida é tan dura ás veces que custa crer que sexa real", sinalan desde o Concello, que destaca que "o noso corazón está de loito polo triste falecemento dun compañeiro, un veciño e un amigo".
Benito González, ao que a corporación municipal define como unha "afable e leal", sempre será lembrado na vila, engade o consistorio, porque "formará parte da historia de Marín".
O Concello instalará na entrada da casa do concello un libro de condolencias que estará ao dispor de toda a cidadanía para que trasladen as súas condolencias á familia do falecido.