Dous detidos por agredir un cliente dunha discoteca e provocarlle unha fractura de cranio

Pontevedra
16 de novembro 2021

Os feitos sucederon sobre as 00:45 horas da madrugada do 31 de outubro. A vítima estaba na barra e foi agredido por dous individuos ata que caeu ao chan inconsciente. Os investigadores falaron con múltiples testemuñas ata que pescudaron a identidade dos presuntos agresores, dous veciños de Pontevedra de 32 e 35 anos

Axente da Policía Nacional
Axente da Policía Nacional / Mónica Patxot

A Policía Nacional de Pontevedra detivo a dous mozos veciños da cidade de 32 e 35 anos por presuntamente agredir a un cliente da discoteca La Luna de Cerponzóns e causarlle como lesión unha fractura de cranio. 

Os feitos ocorreron fai xa máis de dúas semanas, na madrugada do 31 de outubro, pero as investigacións tardaron en dar os seus froitos. Finalmente, os dous presuntos agresores foron detidos como presuntos autores dun delito de lesións.

Os feitos sucederon sobre as 00:45 horas da madrugada. Segundo relataron as testemuñas á Policía Nacional, a vítima estaba na barra e intercambiou unhas palabras cos alí presentes. 

Nun momento dado, comezou a ser agredido por dous individuos ata que caeu ao chan inconsciente, segundo informou a Comisaría Provincial.

O ferido foi atendido por unha enfermeira que estaba nese momento no local e que lle colocou en posición de seguridade ata a chegada da ambulancia. 

Nun primeiro momento, foi trasladado ao Hospital Montecelo, pero a posteriori tivo que ser derivado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, onde foi intervido cirurxicamente dunha fractura de cranio.

Por mor da denuncia presentada, os investigadores solicitaron datos dos feitos, falaron con múltiples testemuñas e efectuaron varias xestións ata que pescudaron a identidade dos presuntos agresores.