Dous buques descargan máis de 100.000 toneladas de cereal no porto de Marín

Marín
09 de setembro 2020

Trátase das descargas de cereal do Se Kelly, con 33.000 toneladas de trigo, e do Port Star, con 71.500 toneladas de millo. Estes dous buques de transporte de graneis agroalimentarios están consignados polo Grupo Nogar, que compaxinou a operativa de descarga entre os peiraos Manuel Leirós e Comercial Oeste

Descarga de buques graneleiros no porto de Marín
Descarga de buques graneleiros no porto de Marín /

Dous barcos graneleiros protagonizaron dúas importantes operacións de descarga no porto de Marín. Trátase das descargas de cereal do Se Kelly, con 33.000 toneladas de trigo, e do Port Star, con 71.500 toneladas de millo.

Estes dous buques de transporte de graneis agroalimentarios están consignados polo Grupo Nogar, que compaxinou a operativa de descarga entre os peiraos Manuel Leirós e Comercial Oeste.

Segundo informa a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, ata o mes de xullo, as cifras de descarga de graneis sólidos no porto incrementáronse en case un 23% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Os cereais e pensos que chegan ao porto abastecen ás granxas avícolas e gandeiras de Galicia que, á súa vez, son fundamentais na subministración de carne, ovos e demais derivados aos mercados de consumo. E desde o porto, cada día sae vía ferroviaria polo menos un tren de cereais para a súa distribución.

Fontes portuarias remarcan que o dos graneis agroalimentarios é un dos principais tráficos no porto de Marín, para o que conta con operadores e maquinaria especializada e unha gran capacidade de almacenamento. Ademais, é un os tráficos que conta con certificación europea de calidade no porto.