Dous artefactos dotados de paracaídas provocan un conato de incendio na Reigosa

Ponte Caldelas
26 de agosto 2016

A indignación é total en Ponte Caldelas, despois de que pasadas as 20 horas deste venres, dous paracaídas incendiarios, presuntamente lanzados dende unha avioneta, aterrizaran na parroquia de A Reigosa

A Garda Civil recolleu probas no lugar
A Garda Civil recolleu probas no lugar

A indignación é total en Ponte Caldelas, despois de que pasadas as 20 horas deste venres, dous paracaídas incendiarios, presuntamente lanzados dende unha avioneta, aterrizaran na parroquia de A Reigosa. Só a intervención dos veciños, que sufocaron rapidamente o conato de incendio nuns matorrais evitou o que puido ser unha enorme desgracia, ao tratarse dunha zona moi habitada e próxima aos polígonos industriais do Campiño e A Reigosa.

O alcalde, Andrés Díaz Sobral, expresou o seu agradecemento aos veciños que, co seu valor, fixeron un gran servizo ao municipio, pois o lume comezaba a prender nas inmediacións dunhas casas, xusto a carón da rotonda de A Reigosa. Os dous artefactos, consistentes en paracaídas brancos, cordeis e uns cilindros con material combustible, descenderon dende o ceo. Un estaba acendido e desprendía lume e o outro só fume.

A luminosidade dos paracaídas incendiarios fíxoos visibles e permitiu a rápida reacción veciñal. Os dispositivos xa están en poder dos axentes do posto da Garda Civil de Ponte Caldelas. O estupor é total en todo o municipio.

Andrés Díaz esíxelle á Xunta de Galicia "que se poña a traballar dunha vez por todas e colabore ao máximo " coordinando a investigación sobre todas as aeronaves que teñan sobrevoado a zona nesta franxa horaria. "Esto é un desastre, estamos abandonados e só dependemos da sorte para evitar a catástrofe do lume ", lamentouse.

O alcalde caldelán critica "a falla dunha verdadeira política forestal galega" baseada na prevención, na ordenación racional do monte e na eliminación dos "enormes negocios" que xiran ao redor do aproveitamento da superficie queimada e os macrocontratos dos operativos de extinción. Andrés Díaz lembra que os escándalos nas adxudicacións dos medios aéreos son continuos e "empresas vinculadas a turbulentas investigacións xudiciais por delitos de corrupción, como Avialsa ou Inaer, aparecen sistematicamente nas adxudicacións millonarias do goberno galego".

"Non podemos seguir cruzados de brazos, non basta con que o presidente da Xunta e a conselleira de Medio Rural se rasguen as vestiduras e fagan propaganda barata con catro incendiarios desequilibrados detidos, cómpre ir dunha vez por todas á raíz do problema e falar claro, porque Galicia non pode seguir así", conclúe Andrés Díaz.