Máis de 2.700 metros cadrados, repartidos en dúas parcelas situadas na Rúa Inferniño, permitirán aumentar as prazas de estacionamento gratuíto no centro de Marín.
En concreto, con estes dous novos aparcadoiros gañaranse máis de cen prazas, xusto no inicio da subida cara ao cemiterio.
Ambos os dous terreos serán xestionados coma o resto dos aparcadoiros impulsados polo Concello, é dicir, a través dun contrato de aluguer.
Nestes momentos, xa está en marcha o traballo administrativo necesario para poder formalizar eses contratos coas persoas propietarias.
Ao mesmo tempo, o Concello está traballando cos técnicos para coordinar os traballos de acondicionamento e así poder, nas próximas semanas, habilitar estas novas prazas de estacionamento.
Desta forma, xunto co novo aparcadoiro de José del Río, o goberno local suma máis de 125 prazas de estacionamento libre e gratuíto en pleno centro.
Todas elas están a escasos minutos dos lugares máis importantes da vila, entre eles comercios, a praza de abastos, o Concello, a Alameda ou o Parque Eguren.
O obxectivo, tal e como se traslada desde o goberno local, é seguir buscando e analizando parcelas que poidan cumplir con esta función.
Desta maneira, animan a calquera persoa propietaria que estea interesada en poñer a disposición o seu terreo a que contacte co Concello, para que así os servizos técnicos municipais poidan estudiar a viabilidade da proposta.