Dous anos de internamento pechado para o menor que golpeou a Rajoy diante da Peregrina

Pontevedra
03 de xuño 2016
Actualizado: 12:33

Segundo publica o Faro de Vigo, o mozo deberá permanecer nun centro de réxime pechado e outro ano máis en liberdade vixiada. A sentenza foi ditaminada polo xulgado de Menores en maio ao chegar a un acordo de conformidade a Fiscalía e o avogado do menor

O menor que agrediu a Mariano Rajoy en Pontevedra
O menor que agrediu a Mariano Rajoy en Pontevedra / Mónica Patxot

Mariano Rajoy non chegou a exercer ningunha acción contra o menor, un mozo de 17 anos, que o pasado 16 de decembro de 2015 golpeou o rostro do presidente do goberno en funcións cando se atopaba nun acto de campaña do Partido Popular ante a fachada da capela da Peregrina.

O mozo fora detido tras propinar a puñada por un atentado contra a autoridade. Segundo publica este venres o Faro de Vigo, nunha información de Carlos García e M. Fontán, o xulgado de Menores de Pontevedra ditou o pasado 12 de maio unha sentenza na que se impoñen dous anos nun centro de internamento en réxime pechado ao menor e un ano máis de liberdade vixiada. Esta decisión xudicial estableceuse despois de que se chegase a un acordo de conformidade entre o avogado do novo e a Fiscalía de Menores. O agresor recoñeceu os feitos e arrepentiuse na vista ante o xuíz de todo o sucedido. Esta actitude contrasta coa euforia inicial que manifestou ao ser detido.

O mozo xa pasou seis meses en réxime de internamiento dentro da medida cautelar establecida polo xulgado de instrución número 1 de Pontevedra, meses que se descontarán da pena final. Por outra banda, o agresor, que xa alcanzou a maioría de idade durante o mes de marzo deste ano, deberá someterse a un programa de reeducación.   

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) indicou que a condena é por un delito de atentado á autoridade do subtipo agravado recolleito no artigo 550.3 do Código penal, aplicable nos casos nos que a autoridade contra a que se atenta é membro do Goberno ou forma parte dos Consellos de Goberno das Comunidades Autónomas, do Congreso dos Deputados, do Senado ou das Asembleas Lexislativas das Comunidades Autónomas, das Corporacións locais, do Consello Xeral do Poder Xudicial, Maxistrado do Tribunal Constitucional, Xuíz, Maxistrado ou membro do Ministerio Fiscal.

O avogado do menor, Jorge Cubela, confirmou a PontevedraViva que alcanzou un acordo de conformidade coa Fiscalía de Menores de Pontevedra que tivo como resultado que a condena fose sen aplicarse a circunstancia de "extrema gravidade" que pedía inicialmente a Fiscalía

Este cambio implica que agora a sentenza poderá revisarse en calquera momento durante da condena en función da evolución do mozo, unha posibilidade que recoñece a lexislación aplicable a menores de idade, pero que non sería aplicable en caso de aplicarse a "extrema gravidade", senón que o cumprimento da condena debería ser íntegro. A revisión da sentenza podería implicar que seguise cumprindo a condena nun centro aberto ou outro tipo de medidas cautelares menos restritivas que a de centro pechado.

O avogado do novo, o pontevedrés Jorge Cubela, falou persoalmente con Mariano Rajoy tras suceder os feitos para pedirlle desculpas pola acción do seu defendido e, segundo confirmou, o presidente en funcións trasladoulle a súa intención de non acudirse na causa e, por tanto, non reclamar ningunha responsabilidade civil nin indemnización á súa vítima.