Dotar de saneamento e abastecemento a 34 vivendas marinenses custará 1 millón de euros

Marín
22 de outubro 2024
Actualizado: 17:50

O Concello traballa en atopar financiación para os proxectos de Vistalegre-Coirados e de Cadro-Cadrelo

Lugar de Vista Alegre, en Marín
Lugar de Vista Alegre, en Marín / Concello de Marín

Os proxectos están listos e contan con todas as autorizacións pertinentes, pero faltan os cartos.

O Concello de Marín está traballar para acadar a financiación externa precisa para executar estes dous proxectos de dotación de saneamento e abastecemento de auga á zona de Vistalegre-Coirados e á de Cadro-Cadrelo.

Entre ambos, a inversión ascende a 1 millón de euros.

No caso de Vistalegre-Coirados, o proxecto dotará de rede de abastecemento de auga e de saneamento a 20 vivendas que están na marxe dereita da PO-313.

Esta canalización conectarase co novo colector que se está a renovar no Río Lameira, polo que non se poderá realizar ata que remate esta obra.

Para ter aprobado este proxecto, foron precisas as autorizacións de Patrimonio, Estradas, Augas de Galicia e Industria, todas da Xunta de Galicia.

No que respecta a Cadro-Cadrelo, serán 14 vivendas beneficiadas.

A actuación contempla a instalación da rede de saneamento e o abastecemento e a implantación dun bombeo de impulsión no caso do saneamento para poder salvar o desnivel existente na zona.

Desta parte, foi preciso acadar a autorización de Patrimonio, Estradas e Augas de Galicia.

Ademais, dotarase ao lugar dunha senda peonil que conecte con toda a seguridade viaria os núcleos de Cadrelo e Silvestre con Cadro, completando un percorrido seguro e initerrompido desde Cadrelo ata o centro da vila e cumplindo así unha importante demanda da veciñanza.

O goberno local considera "prioritario" executar estes dous proxectos, polo que se compromete a seguir buscando vías de financiación e "traballar na equidade entre o rural e o casco urbano en canto ao acceso aos servizos públicos".