Domitila, a preferentista do andador, gaña o pulso ao Estado

Pontevedra
14 de abril 2015

O Estado terá que devolverlle o importe das multas aboadas por Domitila e os outros catro acusados de saltar un cordón policial

Domitila Vicente, preferentista multada
Domitila Vicente, preferentista multada / Mónica Patxot

A xustiza deu a razón a Domitila Vicente Franco, unha preferentista de 82 anos e cun xeonllo afectado pola osteoporose que o obriga a utilizar andadeira, multada pola Subdelegación do Goberno por saltarse un cordón policial nunha protesta.

O Estado terá que devolverlle o importe das multas aboadas por Domitila e por Fernando Asensio, Ana Belén Álvarez, Américo Álvarez e Eugenio Domínguez, todos eles pertencentes á plataforma de Baixo Miño e sancionados nesa manifestación, segundo informou o voceiro desta plataforma, Xulio Vicente.

O 3 de xullo do ano 2013, Domitila Vicente foi multada pola Subdelegación do Goberno pola súa presunta "conduta violenta" xa que as forzas da orde entenderon que "alterou a orde pública" ao saltarse un cordón policial. En total, 200 euros de sanción, "o mesmo que custou a andadeira", sinalou a semana pasada ás portas do xulgado.

O xulgado do Contencioso-Administrativo tamén condena ao Estado ao pagamento de costas do xuízo.

Ante estas novas sentenzas, Xulio Vicente esixe a dimisión inmediata do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, ao que responsabiliza destas multas, ao tempo que acusou tamén ao alcalde do Rosal de estar detrás das sancións.