Domínguez propón tres solucións urxentes para os problemas de aparcamento na Parda

Pontevedra
20 de marzo 2025

O portavoz pide a creación dun aparcadoiro disuasorio na zona con 200 prazas gratuítas; a ampliación do tempo de estacionamento en zonas de servizo e a eliminación do "multamóbil"

Rafa Domínguez e Beatriz Rey diante do Centro de Saúde da Parda
Rafa Domínguez e Beatriz Rey diante do Centro de Saúde da Parda / PontevedraViva

O portavoz municipal do Partido Popular e líder da oposición en Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado pola concelleira Beatriz Rey, visitou este xoves o barrio da Parda para denunciar a "grave situación" de falta de aparcamento que recolleron da veciñanza desta zona, especialmente na contorna do centro de saúde.

"Aparcar en toda Pontevedra, pero sobre todo na contorna da Parda e do centro de saúde, é un auténtico caos", aseguraba Domínguez na rúa Gaiteiro Ricardo Portela, diante do acceso ao centro sanitario.

O líder popular afirmou que están a recibir numerosas queixas veciñais en rúas como Loureiro Crespo, Virxinia Pereira, Diego Sarmiento e Abundancia, protestando pola imposibilidade de atopar estacionamento.

Fronte a esta situación, Domínguez reclamou a creación dun aparcadoiro disuasorio con polo menos 200 prazas gratuítas nos terreos adquiridos na leira de Fenosa, que conta con case 18.000 metros cadrados.

"Queremos que se faga xa, non cando vaia estar o edificio de emerxencias", subliñou Rafa Domínguez.

Tamén demanda a ampliación do tempo de estacionamento nas zonas de servizo, pasando de 15 a 30 minutos como mínimo. Para iso, pide que se acompañe dun estudo técnico para determinar a localización óptima destas prazas en toda a cidade.

Por último, Domínguez mostrou a necesidade de eliminar o "multamóbil" da Policía Local, ao que acusa de ter "un interese recadatorio" por parte do goberno de Miguel Anxo Fernández Lores sen mellorar a vida dos cidadáns. "Cando sexa alcalde, o multamóvil non se vai a utilizar", prometeu.

Domínguez criticou ao actual alcalde por "incumprir unha tras outra todas as súas promesas sobre mellorar o tráfico e o aparcadoiro", e acusouno de "reducir as prazas gratuítas e substituílas por zonas de servizo", prexudicando a veciños, comerciantes e usuarios de equipamentos como o centro de saúde, o centro Galiña Azul, o Colexio Sagrado Corazón ou o Conservatorio de Música.

O portavoz popular anunciou que nas vindeiras semanas continuarán percorrendo outras zonas da cidade con problemas similares de circulación e estacionamento para recoller novas demandas veciñais.