Rafa Domínguez, o presidente do Partido Popular de Pontevedra, reclama que se adiante o acendido da iluminación das festas do Nadal, despois de que o goberno local anunciara que será o 16 de decembro cando se alumen as rúas cos adornos destas datas.
Segundo o portavoz do grupo municipal do PP, este atraso débese ao "deixamento e falta de previsión do Concello" e afirma que prexudica directamente a decenas de traballadores da cidade, en concreto do sector hostaleiro e ao comercio local.
"Todas as decisións que non favorezan o consumo na nosa cidade é terrible", asegura Domínguez, que lembra que a licitación da iluminación se realizou hai un mes, malia ser un contrato que se tramita todos os anos. Por este motivo pregúntase se o concello esqueceu facelo en tempo e forma ou se quere "danar deliberadamente o comercio local".
Desde o PP sinalan que a iluminación é un "revulsivo" para estes sectores e fai referencia ás luces de Vigo: "cando noutras cidades as luces xa estaban listas para acenderse, aquí aínda estabamos a retocar o contrato. Non podemos consentir esta tomadura de pelo a todos os pontevedreses" e destaca as consecuencias económicas que terá nos comerciantes.
Ante esta situación, os populares esixen o aceso das luces antes do que está previsto. "Que a xente decida irse a outras cidades para comprar é o resultado do deixamento e falta de previsión de Lores", conclúe Domínguez.
AEMPE: QUE NON SE ESTREITE MÁIS A XOGA!
Pola súa banda, a dirección de AEMPE (Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa) tamén coinciden en lamentar este atraso no aceso da iluminación do Nadal. Lembran que despois de dous anos de pandemia, ante a situación de guerra, desabastecemento dalgunhas materias primas e a disparada inflación, esperaban unha recuperación económica nestas festas tanto para o comercio como para a hostalería local e para logralo entenden que é necesaria a dinamización das actividades económicas con, entre outros elementos, a iluminación destas datas.
Pregúntanse quen actuou con esta "inusitada e absoluta desidida" dentro da administración municipal e tamén demandan procedementos de urxencia para resolver con inmediatez estes problemas. Piden "urxentes e públicas explicacións", solucións inmediatas e responsabilidades.
No comunicado, AEMPE finaliza pregando que non se estreite máis a soga ás pequenas e medianas empresas.