O PP de Pontevedra retoma unha das súas demandas prioritarias desde o ano 2020, a reapertura da rúa Raíña Vitoria. Nesta ocasión, anuncian unha nova moción ao pleno da Corporación e instan o goberno local a un cambio de postura na liña do que, ao seu xuízo, tivo á hora de promover grandes concertos na cidade.
"Estamos nun momento de rectificación. Lores rectificou despois de 26 anos e agora apoia grandes concertos, aínda que a xente teña que pagar, o que viñamos demandando durante tanto tempo", sinalou o líder do PP local, Rafa Domínguez.
A continuación, lanza unha pregunta relacionada co concerto de Jennifer López anunciado para xullo na cidade. "Se pode rectificar no concerto de Jennifer López, despois de tanto tempo, por que non vai poder rectificar e porse ao lado da maioría dos pontevedreses na reapertura desta rúa?".
Os 'populares' piden, de novo, a reapertura, pero agora dan un paso máis e insisten na necesidade da modificación do artigo 4 da ordenanza de mobilidade.
Rafa Domínguez compareceu este xoves ante os medios na propia avenida Raíña Vitoria acompañado pola concelleira Pepa Pardo. Aí, a edila explicou que esa modificación da ordenanza é "precisamente, para traspasar as competencias da apertura ou do peche definitivo ao tráfico dunha rúa e que esta se traslade ao pleno".
"O que queremos evitar é que novamente se produzan decisións arbitrarias, como a que se tomou no 2020 e que se ratificou anos despois", explicou Pepa Pardo, en alusión ao peche desta rúa, que o grupo de goberno adoptou durante a pandemia xustificando a decisión na necesidade de garantir as distancias de seguridade entre o alumnado do instituto Sánchez Cantón.
Para Pardo, esa decisión adoptouse en 2020 "escudándose nunha mentira na protección dos menores pola pandemia". Rafa Domínguez, pola súa banda, insiste en que "Lores utilizou a pandemia para pechala e tempo despois soubemos todos que mentía a todos os pontevedreses".
Pepa Pardo tamén cuestiona que acordaron o peche a través dun bando municipal, "que non é o instrumento axeitado para a apertura ou peche dunha rúa principal, tendo ademais en conta que está afectados dereitos fundamentais dos cidadáns".
O grupo municipal do PP xa presentou en novembro do 2023 unha proposición normativa para iniciar esa modificación, pero critican que "foi deixada no esquecemento" por parte do Concello, por iso seguen insistindo, pois consideran que "é fundamental para a actividade económica e para a vida dos nosos cidadáns".
Os dirixentes do PP insisten en criticar ese "esquecemento" do goberno local con esa modificación da ordenanza. "Levamos un ano, catro meses e doce días, é dicir, 497 días nos que Lores entorpeceu esta proposición normativa do Partido Popular", sinalou Domínguez.
Domínguez tamén cargou tintas contra o grupo municipal do PSOE. Contrapuxo a "coherencia" do PP en defensa da reapertura á postura dos socialistas, que "favorecen os orzamentos a cambio de simplemente facer un estudo de tráfico, o que, desde logo, deixa moito de desexar e dista moito o que queremos no Partido Popular.
Na mesma liña, Pepa Pardo puxo distancia co outro partido da oposición. "Non seremos como o partido socialista, que claudicou, que se atopa submiso a un BNG que o mantén no goberno", indicou a concelleira, que está convencida de que "si esta rúa a día de hoxe permanece pechada é por culpa do PSOE, que apoia ao BNG".